[08/04/2009] O Centro Coreográfico Galego (CCG) congregou un total de 14.749 persoas nas máis de 290 accións artísticas e formativas que organizou durante a pasada temporada, segundo se recolle no Informe de actividade 07-08 que acaba de publicar a unidade de danza da AGADIC. Neste período, o CCG produciu e exhibiu a peza Kiosco das almas perdidas, desenvolveu tres coproducións, apoiou oito proxectos a través do programa Artistas en Residencia e promoveu 233 accións formativas para público e profesionais.
Dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván, a montaxe Kiosco das almas perdidas foi estreada o 29 de febreiro de 2008 no Teatro Rosalía Castro da Coruña despois de tres meses de traballo de creación e produción. A peza foi vista por 7.366 espectadores no total de 34 funcións realizadas durante os cinco meses nos que estivo de xira. O Centro Coreográfico Galego escenificou esta produción en 12 localidades galegas e en oito espazos fóra da nosa Comunidade, entre os que cómpre destacar o Teatro Central de Sevilla, o Festival Grec de Barcelona ou La Laboral de Xixón. Kiosco das almas perdidas presentouse, asemade, diante duns 150 programadores nacionais e internacionais no marco do MOV-S (Encontro Internacional de Danza e Artes do Movemento) de Pontevedra, ademais de nun show-case celebrado en Xixón ao que asistiron máis de 50 programadores de centros do Instituto Cervantes de todo o mundo.
Liñas de apoio
Tamén durante a pasada temporada, o CCG coproduciu tres propostas moi diferentes tanto no que se refire á linguaxe coreográfica como á traxectoria dos artistas implicados -Negro de Daniel Abreu, Tradicción de Nova Galega de Danza e Feminine de Paulo Ribeiro- e impulsou oito proxectos de investigación e creación a través do seu programa Artistas en Residencia. En total, ambas liñas de apoio materializáronse en 12 proxectos nos que traballaron 51 artistas, entre bailaríns e coreógrafos.
As devanditas iniciativas contribuíron á consolidación do Centro Coreográfico Galego, que na súa segunda temporada de funcionamento avanzou no obxectivo de se constituír como plataforma de relación, intercambio, formación e información no ámbito da danza e das artes do movemento. Así mesmo, tendeu pontes con outras estruturas que traballan na mesma dirección co obxectivo de abrir vías de colaboración no apoio aos artistas.
Neste sentido, e xunto co Mercat de les Flors de Barcelona, o CCG organizou o pasado mes de xuño o MOV-S Galicia 08, un encontro internacional de profesionais do mundo da danza que se celebrou entre a cidade de Pontevedra e a Illa de San Simón. O seu programa, que incluíu a presentación de 13 propostas de creadores galegos, foi seguido por un total de 164 profesionais (44 galegos, 76 do resto do Estado español e 44 internacionais).
Accións formativas
O Informe de actividade 07-08 detalla igualmente o intenso traballo formativo realizado polo CCG neste período, durante o que ofreceu tanto talleres de técnica, repertorio e composición dirixidos aos profesionais do sector, como unha serie de accións para público xeral e escolares co obxectivo de achegar a danza á cidadanía. Unha parte desta actividade desenvolveuse en paralelo á xira de Kiosco das almas perdidas, mantendo tamén un dobre enfoque: dunha banda, Erick Jiménez, asistente de Roberto Oliván, impartiu un total de 16 obradoiros e clases abertas a profesionais das artes do movemento, e doutra, o Centro colaborou con DANESGA (Asociación de Danza Escénica Galega) na organización de máis de 60 talleres para públicos en 12 concellos galegos, nos que participaron 1.102 alumnos.
Ás accións vinculadas á Kiosco..., hai que sumar outros 16 obradoiros para profesionais aos que asistiron 418 alumnos, ademais dun amplo programa pedagóxico para centros educativos de toda Galicia no marco do que tiveron lugar 141 talleres que congregaron un total de 5.499 alumnos.
Xunto cos programas de apoio á creación e formación, durante a pasada temporada o Centro Coreográfico Galego puxo en marcha un destacado proxecto editorial que, bautizado como Bitácora, busca recoller a memoria da danza, poñendo á vista os procesos creativos das súas producións dende a idea inicial ata a presentación da peza coreográfica ante os espectadores. Ata o momento, o CCG ten editados nesta colección os volumes correspondentes ás súas dúas primeiras producións: Vacuo e Kiosco das almas perdidas.