Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ENQUISA DE SATISFACCIÓN DO PÚBLICO DA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS 2009 CONSTATA A TENDENCIA Á ALZA NA FRECUENCIA DA ASISTENCIA A MONTAXES TEATRAIS

O público valora os espectáculos escénicos producidos en Galicia cunha nota media de 8 sobre 10

[07/04/2009] A nota media que os espectadores conceden aos espectáculos escénicos producidos en Galicia é de 8 sobre 10, segundo os datos que recolle a Enquisa de satisfacción do público da Rede Galega de Teatros e Auditorios 2009 promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Esta terceira edición do estudo constata así o mantemento da valoración positiva das montaxes galegas, ademais de confirmar a tendencia á alza na frecuencia da asistencia respecto aos dous anos anteriores.

Una empresa especializada desenvolveu esta investigación mediante un total de 750 entrevistas telefónicas realizadas entre outubro de 2008 e xaneiro de 2009. Os enquisados foron contactados inicialmente a raíz da súa asistencia a funcións ofrecidas por 37 compañías galegas (30 de teatro de actor, 5 de monicreques e 2 de danza) nun total de 40 espazos adscritos á Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Da análise das valoracións emitidas para cada un destes espectáculos, extráese que as puntuacións máis elevadas recaen nas montaxes de monicreques e de danza, cunhas notas medias de 8,4 e 8,3 respectivamente, cifra que se sitúa en 7,9 para o teatro de actor. En todos os casos, rexístrase unha lixeira tendencia á alza con respecto aos anos anteriores, cunha media de 7,7 en 2008 e 7,9 en 2007 para o conxunto dos espectáculos analizados. Este elevado grao de satisfacción do público sostense igualmente no feito de que case a totalidade dos espectadores entrevistados recomendarían as propostas artísticas que viron na RGTA.

Teatro en galego

Tamén a frecuencia de asistencia mantén proporcións similares ás de anos anteriores, sendo o teatro en galego a opción prioritaria do público máis asiduo: un 55,6% dos enquisados asiste a espectáculos en galego máis de 6 veces ao ano, mentres que un 34% o fai para ver teatro en castelán; un 9,2%, monicreques e un 9,2%, danza.

Estas porcentaxes increméntanse considerablemente se establecemos como asistencia frecuente aquela que se sitúa por riba das 2 veces ao ano. Partindo desta premisa, o 93,4% do público entrevistado acode con frecuencia a montaxes de teatro galego, rexistro que consolida os valores de 2008 (93,1%) e supón un notable aumento respecto a 2007 (86,2%).

A elaboración desta nova enquisa -que complementa o labor iniciado en 2006 cun primeiro estudo sobre o perfil do público da RGTA- enmárcase nunha das liñas de traballo da AGADIC destinada a proporcionar ferramentas para a análise periódica dos parámetros de consumo cultural, así como da evolución económica e de emprego do sector escénico, cara á súa aplicación práctica na xeración de mercado para as artes escénicas.

Ligazóns