Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DAVID TIBET E O SEU FOLK APOCALÍPTICO COMPARTIRÁN ESCENARIO CON JAMES BLACKSHAW, ANDREW LILES, BABY DEE, KEITH WOOD E ALEX NEILSON OS DÍAS 16 E 17 DE MAIO

Un dobre concerto especial de Current 93 porá o colofón á extensión do Festival Sinsal en Santiago

[03/04/2009] O folk apocalíptico de Current 93, a peculiar formación musical británica liderada por David Tibet, porá o colofón ao Festival Sinsal Extensión Salón Teatro cunha dobre carteleira de concertos especiais deseñados en exclusiva para Santiago. As dúas citas, que terán lugar o sábado 16 e o domingo 17 de maio ás 22.00 horas, constituirán de feito a segunda visita de Tibet á xeografía española, desta vez conforme á entente C93, que se presenta como un "círculo aberto e libérrimo de músicos".

David Tibet

Os recitais serán un adianto á edición de Aleph at Hallucinatory Mountain, o que se agarda como un dos traballos discográficos menos predicibles e máis potentes da banda. Sobre o escenario, ademais de Tibet, estarán James Blackshaw (día 16), Andrew Liles (día 17), así como Baby Dee, Keith Wood e Alex Neilson; todos eles músicos singularísimos e virtuosos na reinvención da interpretación de estilos que van desde o acústico até o experimental.

Agrupación cambiante

Current 93 non é un proxecto musical convencional. David Tibet, John Balance de Coil e Fritz Haaman fundaron Current 93 en 1982. Porén, ao dereito de se editar o seu 12" de presentación, a formación converteuse no proxecto persoal do primeiro, ao tempo que Balance e Haaman preferían dedicarse ás súas respectivas bandas. Pasaron os anos e Current 93 seguiu a funcionar como un círculo de colaboradores sempre cambiante, e sempre arredor de Tibet. Durante os xa vinte e cinco anos de carreira do grupo teñen participado, ben en disco ben en directo, artistas da magnitude de Cosey Fanni Tutti e Chris Carter (de Throbbing Gristle e Carter-Tutti), Michael Cashmore (Nature & Organisation), Joolie Wood, Björk, Steve Ignorant (Crass), Nick Cave, Rose McDowall (Strawberry Switchblade), Tiny Tim, Shirley Collins, Bill Fay, Andrew W.K. ou Rickie Lee Jones.

Hoxe, os seus máis de 20 discos publicados apuntalan unha carreira que influenciou a decenas de grupos e artistas arredor de todo o mundo, primeiro como banda de música industrial e máis tarde como emblemática agrupación folk. En paralelo, Tibet, a través do seu selo discográfico Durtro, descubriu moitos talentos que permanecían na escuridade, entre eles Antony & The Johnsons ou Baby Dee.

Artistas convidados

C93 compartirá escenario o sábado 16 co músico James Blackshaw. Activo no panorama musical desde 2003, este británico está considerado como un dos renovadores da guitarra acústica contemporánea. E é que coa súa guitarra de doce cordas, Blackshaw interpreta as súas propias composicións, mentres que sobre o escenario improvisa continuamente. Ten no seu haber seis albumes de estudo e un directo, ademais de numerosas participacións en discos recompilatorios.

O domingo 17 será a quenda do ecléctico Andrew Liles, creador dunha música que pode ser minimalista, surrealista, experimental ou hipnótica, mais sempre afastada de calquera clixé ou estereotipo. Liles colaborou con artistas como Colin Potter, Bass Communion, Nurse With Wound, The Hafler Trio, Karl Blake, Jonathan Coleclough, Tony Wakeford, Danielle Dax, Rose McDowall e Edward Kaspel. Extremadamente prolífico, editou máis de 50 traballos en solitario ou en colaboración con outros músicos.

Venda de localidades

As entradas para asistir aos concertos de C93 poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada concerto. O prezo das localidades é de 25 euros na billeteira. Tamén se poden adquirir xa de forma anticipada na billeteira electrónica ao prezo de 20 euros a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es.

Ligazóns