[02/04/2009] A Rede Galega de Música ao Vivo acollerá entre os meses de abril e maio un total de oito concertos a cargo doutros tantos grupos noveis, que foron seleccionados a raíz da súa participación no I Encontro da Música Emerxente de Galicia, o Nsaio Xeral. A banda compostelá Supersound será a encargada de inaugurar esta programación especial coa actuación que ofrecerá o vindeiro sábado 4 de abril na sala El Ensanche de Vigo.
Xunto con Supersound, Beatus Ille, Dirty Socks, Duplo Son, Labazada, Los Ruines, Mausvizinhos e Perpretadores de Actos foron as bandas elixidas polo xurado durante o cásting do Nsaio Xeral, organizado pola Rede Galega de Locais de Ensaio o pasado mes de xaneiro en Santiago de Compostela e no que participaron un cento de formacións de toda Galicia. Xunto cos oito grupos que tocarán nos locais da RGMV, deste encontro saíron así mesmo os 24 gañadores das actuacións no ciclo Vai de Camiño 2009 do Xacobeo.
Organizado pola Dirección Xeral de Xuventude en colaboración coa Consellería de Cultura, o Nsaio Xeral deseñouse como unha xornada para o encontro entre as bandas que están a iniciar a súa traxectoria e os representantes da industria musical a través de obradoiros, concertos e o devandito cásting de maquetas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) súmase á iniciativa con esta programación especial no circuíto de distribución de música ao vivo que promove en colaboración coa asociación Clubtura, ofrecendo aos grupos seleccionados a oportunidade de amosar o seu traballo en directo en sete das salas que integran a rede.
Ao concerto do vindeiro sábado en Vigo seguirán os de Beatus Ille no Aturuxo de Bueu (17 de abril), Labazada no Zona Cero de Caldas de Reis e Perpetradores de Actos en El Ensanche (ambos o día 24) e Dirty Socks no Pub Gatos de Melide (día 30). Xa en maio, Mausvizinhos estarán en La Casa de Arriba de Vigo (día 8), Los Ruines no Auriense Café Cultural de Ourense (día 9) e Duplo Son no Clavicémbalo de Lugo (día 30).