Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

POSTA EN MARCHA XUNTO COA UNIVERSIDADE DE ALCALÁ E O MERCAT DE LES FLORS, CONSTARÁ DE 10 VOLUMES CON VERSIÓNS EN GALEGO, CATALÁN E CASTELÁN

O CCG inicia a colección editorial "Corpo de letra", pioneira no ámbito teórico da danza contemporánea

[31/03/2009] O Centro Coreográfico Galego, a Universidade de Alcalá (Madrid) e o Mercat de les Flors (Barcelona) acaban de poñer en marcha Corpo de letra: danza e pensamento, unha colección editorial pioneira no ámbito da teoría da danza contemporánea que se inaugura coa publicación de O esgotamento da danza. Performance e a política do movemento, do antropólogo e dramaturgo de orixe brasileira André Lepecki.

Profesor do Performance Studies Departament da Univesidade de Nova York, Lepecki ofrece neste primeiro título -que será presentado mañá en Madrid na súa versión en castelán- unha revisión significativa e radical das nosas formas de pensar a danza, ao tempo que propón a necesidade dun compromiso renovado entre os estudos de danza e as prácticas artísticas e filosóficas experimentais.

Este traballo afonda, asemade, no estudo da obra de coreógrafos contemporáneos claves na transformación da danza dende os anos noventa ata a actualidade, tanto en Europa como en Estados Unidos: Jérôme Bel, Juan Domínguez, Trisha Brown, La Ribor, Xavier Le Roy, Vera Mantero, e os artistas Bruce Nauman e William Pope.

Obras inéditas

A serie, que constará dun total de 10 volumes con versións en galego, catalán e castelán, busca dotar de obras de referencia e propostas críticas inéditas a un sector artístico que na actualidade dispón de escaso material teórico para o seu estudo.

O seu obxectivo é difundir e incentivar un pensamento analítico e crítico sobre cuestións relacionadas co movemento, o corpo e a composición coreográfica, ademais de fomentar o estudo das súas vinculacións e relacións con outras materias artísticas, sociais e políticas. Corpo de letra completarase en tres anos e, ademais das tres versións de cada volume, editará unha recompilación anual en inglés na que recollerá os textos inéditos nesta lingua.