[30/03/2009] O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) acolle a partir de hoxe a cuarta e última parte do curso de escritura teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade III, impartida pola autora británica Elyse Dodgson. Un total de 15 alumnos participa nesta actividade, que se desenvolverá na biblioteca do Salón Teatro até o venres 3 de abril en horario de 17.00 a 20.00 horas.
O curso Pistas para unha dramaturxia da actualidade -cuxa dirección e coordinación asume desde os seus inicios o director, narrador e dramaturgo galego Cándido Pazó- ten como finalidade que os asistentes poidan crear un texto dramático a partir da identificación e do estudo dos múltiples temas que poden definir a actualidade. Ademais de Pazó, Angélica Líddell, Maxi Rodríguez e Enzo Cormann impartiron os anteriores obradoiros desta edición, analizando cos alumnos aspectos relacionados coa escolla dos temas e motivos de teatralización, detección de conflitos e valoración das potencialidades de partida, así como os distintos elementos da teatralidade na abordaxe da construción de personaxes, diálogos e resolucións.
Traxectoria profesional
Directora asociada e xefa do Departamento Internacional do Royal Court Theatre de Londres, Elyse Dodgson leva traballando no mundo do teatro desde hai máis de 30 anos. Empezou a súa carreira na compañía Brighton Combination en 1968, producindo pezas como The Rise and Fall of Tony Banana, escenificada en medio da noite na Bolsa de Londres.
Foi tamén directora do Young People’s Theatre londiniense e editou as coleccións de obras First Lines: Young Writers at the Royal Court (1990), German Plays 2 (con David Tushingham, 1999), Spanish Plays: New Spanish and Catalan Drama (con Mary Peate, 1999) e Mexican Plays (2007). Asemade, é autora de Motherland: West Indian Women to Britain in the 1950s (1984). Neste momento, está a editar unha serie sobre novos dramaturgos brasileiros en traducións especiais.