[27/03/2009] Giseliña, a nova produción do Centro Coreográfico Galego (CCG) que conta co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura, asinada por Cisco Aznar, obtivo un importante éxito de público nas dúas funcións que ofreceu esta semana nas cidades marroquís de Rabat e Tetuán, rexistrando en ambos casos unha ocupación do 80 por cento do aforo. A través dun acordo co Instituto Cervantes, a entidade da Consellaría de Cultura actuou onte no Teatro Español de Tetuán, un dos máis importantes da cidade, e o pasado martes na capital de Marrocos no marco da 1ª Bienal de Teatro Internacional, na que están a participar compañías de Francia, Suíza, España, Italia, Alxeria, Tunisia, Arabia Saudí, Palestina, Xeorxia e Turquía.
A peza logrou unha calorosa resposta por parte do público que acudiu ás dúas representacións, entre o que se atopaban estudantes universitarios e do Instituto Nacional de Belas Artes, integrantes da colonia española e cidadáns de Rabat e Tetuán. Nesta última cidade, contouse coa presenza do Cónsul Xeral de España, quen se amosou moi satisfeito tanto da aceptación do espectáculo entre os asistentes como da iniciativa do CCG, achegándolles a danza contemporánea a través dunha produción recentemente estreada.
Despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván, a proposta que protagoniza a temporada 2009 chega da man do creador catalán asentado en Suíza Cisco Aznar, quen asina unha adaptación moi libre e poética do ballet clásico Giselle que ao tempo se inspira en figuras da tradición popular galega relacionadas coa morte e o sobrenatural, como son as meigas ou a Santa Compaña. Así, as willis, noivas que morreron virxes e de noite abandonaban a morte para facer bailar os homes até que estes finaban, substitúense aquí por bruxas, do mesmo xeito que o bosque muda en mar e na súa influencia no carácter galego.
Cisco Aznar constrúe aquí un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado, cunha estética moi persoal que se apoia nuns movementos cargados de expresividade. A plasticidade das máscaras, a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador o ámbito do sobrenatural.