Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA CREADA POLA COMPAÑÍA O RETRETE DE DORIAN GRAY, INTEGRADA POR MARCOS PTT CARBALLIDO E EZRA MORENO, COMBINA TEATRO VISUAL, FÍSICO E MANIPULACIÓN DE GLOBOS

Inaugúrase o plan de coproducións 2009 do CDG coa estrea en Murcia do espectáculo "Rúa Aire"

[27/03/2009] O Teatro Villa de Molina da localidade murciana de Molina de Segura acolle este domingo 29 ás 12.00 horas a estrea de Rúa Aire, unha peza para público infantil realizada por O Retrete de Dorian Gray en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Con esta proposta, a compañía pública inaugura o seu plan de coproducións para 2009, no que tamén se insiren os espectáculos Eco de Iván Marcos; Delimvois, do grupo portugués Teatro Oficina a partir dun texto do Premio Nacional de Literatura Dramática Rubén Ruibal, e Wake Up de Nut Teatro.

Rúa Aire

En Galicia, Rúa Aire poderá verse na Sala Nasa de Santiago os días 24, 25 e 26 de abril e 1, 2 e 3 de maio (os venres ás 21.30 horas e os sábados e domingos, ás 20.00 horas). Canto o resto de coproducións, o compostelán Salón Teatro acollerá as estreas de Eco o 17 de abril e de Delimvois o 23 de maio, mentres que a exhibición de Wake Up está prevista en xuño trala súa presentación no FITEI (Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica) de Porto.

Monicreques con globos

Integrada por Marcos PTT Carballido e Ezra Moreno, a compañía O Retrete de Dorian Gray enfronta a súa segunda creación de gran formato inventando unha nova técnica de manipulación: o monicreque construído con globos. Outros nomes importantes para a materialización de Rúa Aire son Jordi Farrés, responsable da co-dirección; Pablo Rega, do deseño do espazo sonoro; Fidel Vázquez, do deseño de iluminación; José Viruta e Rafa Barreiro, da realización da escenografía; Cloti Vaello, do vestiario, e Belem Brandido na produción.

A proposta escénica baséase na idea do escenario dentro do escenario, isto é, a mesa de manipulación. Construída e deseñada ex profeso para este espectáculo, dispón dunha serie de resortes escénicos, luminosos e de tremoia que permiten unha gran axilidade á hora de xerar cambios de luz, ambiente, movementos escenográficos. Deste xeito, os actores-manipuladores manteñen un control absoluto do que pasa na escena, sendo ao tempo titiriteiros e técnicos de luces, son ou espazo.

O protagonista de Rúa Aire é un personaxe anónimo do que coñecemos toda a súa biografía, desde o berce á tumba. Nunha viaxe polos momentos máis importantes da súa existencia e dos fitos históricos do seu mundo, tamén pasan ante os ollos dos espectadores todo tipo de monicreques efémeros: animais, vexetais e personaxes que configuran un universo en continuo diálogo co público e cos seus manipuladores.

A compañía

O Retrete de Dorian Gray xorde no ano 2005, froito da unión das traxectorias de Marcos PTT Carballido (Lugo, 1977) e Ezra Moreno (Madrid, 1972), coa finalidade de afondar no mundo do teatro visual, físico e de manipulación de obxectos. Ambos os dous posúen unha sólida carreira en ámbitos como o clown, a maxia, o cabaré, a globoflexia, os monicreques, a interpretación... A súa primeira montaxe foi Blazek, coproducida pola Sala Nasa e codirixida por Diego Anido, que foi creada entre Galicia e Cataluña e preestreada no festival D’Gorra!