Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA ESTARÁ NO AUDITORIO DE GALICIA MAÑÁ MARTES DÍA 10, A PARTIR DAS 21.00 HORAS, COMO INICIO DUNHA XIRA DE TRES MESES QUE INCLÚE MARROCOS E XORDANIA

O Centro Coreográfico Galego presenta en Santiago "Giseliña", de Cisco Aznar

[09/03/2009] O Centro Coreográfico Galego (CCG) presenta Giseliña mañá martes 10 de marzo ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia de Santiago. A nova produción propia da entidade está dirixida polo coreógrafo Cisco Aznar, conta co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura e está coproducida xunto ao teatro La Laboral de Xixón e o Centro Párraga de Murcia. Giseliña, que foi estreada a pasada fin de semana no Teatro Rosalía Castro da Coruña, poderá verse en distintos teatros galegos, viaxará a outros escenarios da xeografía española e tamén se exhibirá en Marrocos (nas cidades de Rabat e Tetuán) e Xordania (en Amán).

Giseliña

Giseliña constitúe a terceira produción da historia do CCG. Despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván, a proposta que protagoniza a temporada 2009 chega da man do creador catalán asentado en Suíza Cisco Aznar, quen asina unha adaptación moi libre e poética do ballet clásico Giselle que ao tempo se inspira en figuras da tradición popular galega relacionada coa morte e o sobrenatural, como son as meigas ou a Santa Compaña. Así, as willis, noivas que morreron virxes e de noite abandonaban a morte para facer bailar os homes até que estes finaban, substitúense aquí por bruxas, do mesmo xeito que o bosque muda en mar e na súa influencia no carácter galego.

Amor e morte

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado, un mundo cunha estética moi persoal que se apoia nuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador ao ámbito do sobrenatural.

Para a súa execución, Giseliña conta con un corpo de baile de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias, escollido a través de varias audicións públicas, e que compoñen Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

Xira

Trala estrea na Coruña, Giseliña representarase durante os meses de marzo, abril e maio nos escenarios de Santiago de Compostela, Narón, Vigo, Cangas, Rabat, Tetuán, Puertollano, Xixón, Murcia, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Badalona e Tui.

En paralelo a esta intensa xira, que aínda pode sumar novos destinos, o CCG desenvolverá diversas actividades formativas para achegar ao público a linguaxe coreográfica de Cisco Aznar e contribuír á difusión e comprensión da danza actual entre espectadores non especializados.

O director

Cisco Aznar é na actualidade o director artístico da compañía suíza Buissonnière. Nado en Cataluña, ao rematar os seus estudos na Escola de Arte Dramática e Coreográfica de Barcelona representa a España no Taller Coreográfico Europeo en Luxemburgo e no ano 1992 recibe unha bolsa de estudos para realizar o Taller de Maurice Béjart.

Dende 1993 traballa como bailarín e coreógrafo en Europa e América Latina, colaborando, entre outros, con compañías e profesionais como o Teatro do Liceo en Barcelona, Julio Bocca e Anna Maria Stekelmann en Bos Aires, o Grupo Vórtice en Brasil ou a compañía Nomades, Paco Decina, Redha e Philippe Lizon en Suíza. En 1998 asume a dirección artística da compañía de Lausanne Buissonnière, en Suíza.

Entre as súas creacións cómpre destacar a versión de Coppélia que realizou en 2006 para o Ballet du Grand Théàtre de Genève. En 1998 obtivo o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival de Danse do Triángulo Mineiro (Brasil) por Adán e Pepa, en 2003 foi galardoado co Premio Jeunes Créateurs pour la Danse da Fondation Vaudoise e en 2007 obtivo o contrato de confianza de Lausanne, no Estado de Vaud e Pro Helvetia, para formar parte do equipo do Project Danse.

Documentación