Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TERÁ LUGAR MAÑÁ 7 DE MARZO NA SALA BARCELONESA LA (2) DE APOLO

Os grupos composteláns Samesugas e The Homens protagonizan o primeiro concerto da extensión da Rede Galega de Música ao Vivo en Cataluña

[06/03/2009] O concerto que os grupos composteláns Samesugas e The Homens ofrecerán mañá día 7, a partir das 00.30 horas, na sala barcelonesa La (2) de Apolo sinala o inicio da extensión en Cataluña da Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV), a través da que 13 bandas galegas de diferentes estilos actuarán en 9 locais cataláns. Serán un total de 30 os concertos programados no marco deste primeiro circuíto RGMV-Catalunya, que se desenvolverá de marzo a xuño e de setembro a novembro en virtude do acordo establecido entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Institut Catalá de les Indústries Culturais (ICIC).

Samesugas

Xunto con La (2) de Apolo, Cafè del Teatre (Lleida), El Clap (Mataró), El Sielu (Manresa), Faktoría d’Arts (Terrasa), La Mirona (Salt), Lo Submarino (Rasquera), Sala Monasterio (Barcelona) e Salamandra (L’Hospitalet) conforman a listaxe de espazos que acollen esta programación, todos eles pertencentes á Associacó de Sales de Concerts de Catalunya (ASACC).

Os responsables dos devanditos locais foron, ademais, os encargados de seleccionar as 13 bandas participantes de entre máis de 170 grupos e solistas inscritos. Así, xunto con Samesugas e The Homens, viaxarán este ano a Cataluña 6 PM, A Tuna Rastafari, Faltriqueira, Holywater, Jugoplastika, Lamatumbá, Moon Cresta, Nadadora, Niño y Pistola, Sugar Montain e The Blows.

Con esta iniciativa, a AGADIC dá un paso máis na promoción exterior da música galega trala positiva experiencia que significou o primeiro intercambio entre a Rede de Música ao Vivo e o circuíto portugués OuTonalidades no último trimestre de 2008. Este ano celebrarase unha nova edición deste programa galego-portugués, para o que xa está aberto o prazo de inscrición de grupos.

Documentación