Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

GALICIA ESTÁ REPRESENTADA POR OITO COMPAÑÍAS NESTA DÉCIMO CUARTA EDICIÓN DO ENCONTRO, QUE SE CELEBRA ATÉ O 31 DE MARZO NO CÍRCULO DE BELLAS ARTES

Teatro do Atlántico e D2 inauguran en Madrid o cartel galego da Muestra de Teatro de las Autonomías

[04/03/2009] Os espectáculos Unha primavera para Aldara de Teatro do Atlántico e Flores migratorias de Teatro D2 abren mañá día 5 a participación galega na Muestra de Teatro de las Autonomías, que se desenvolve durante todo o mes no Círculo de Bellas Artes de Madrid e onde a nosa escena está representada por 8 das 14 compañías en cartel. Esta é a décimo cuarta edición do encontro, consolidado xa como unha das principais citas da temporada teatral madrileña e que cada ano concita na capital do Estado o interese polas propostas xeradas noutros contornos escénicos.

Unha primavera para Aldara

Tralas actuacións de Teatro do Atlántico e Teatro D2, que repetirán función o día 6, a programación galega continuará da man de Teatro de Ningures con Bailadela de la muerte dichosa (días 7 e 8), Centro Dramático Galego con Noche de Reyes (días 16 e 17), Teatro do Noroeste con Extrarradios (días 19 e 20), Teatro do Morcego con El Club de la calceta (días 20 e 21), Sarabela Teatro con Margar en la mansión del tiempo (días 21 e 22) e PT Excéntricas con No comment. Obra (días 28 e 29). Agás Teatro do Atlántico, que leva a Madrid a versión orixinal en galego de Unha primavera para Aldara, o resto das montaxes interpretaranse en castelán.

Panorámica

Xunto á representación galega, a máis numerosa das programadas, nesta edición da mostra exhibiranse outros espectáculos procedentes de Estremadura e de Madrid, nunha iniciativa que conta co patrocinio da Área de las Artes do Ayuntamiento de Madrid e co apoio do INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y Musicales). A dirección artística do encontro foi a encargada de seleccionar as oito compañías galegas, de modo que as propostas que se presentarán nos escenarios do Teatro Fernando de Rojas e da Sala de Columnas, ambos situados na sede do Círculo de Bellas Artes na céntrica rúa Alcalá, ofrecen unha ampla e variada panorámica do teatro galego actual.

No marco da Muestra de Teatro de las Autonomías, o vindeiro 17 de marzo terá lugar, asemade, a III Jornada de Circuitos y Redes Escénicas coa participación de profesionais da xestión das artes escénicas chegados das comunidades convidadas para debater sobre política cultural, modelos de programación e exhibición, produción e formación, entre outros temas. Procedentes de Galicia, intervirán como relatores Miguel Martín, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Cristina Domínguez Dapena, directora do Centro Dramático Galego (CDG); Celso Parada, presidente da asociación Escena Galega; Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; e María Paredes, coordinadora da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Ligazóns