Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TRÁTASE DUN DOS AUTORES MÁIS DESTACADOS DO TEATRO FRANCÉS CONTEMPORÁNEO, CON MÁIS DE 30 OBRAS PUBLICADAS E TRADUCIDAS A UNHA DECENA DE LINGUAS

O francés Enzo Cormann imparte un obradoiro de escrita teatral no Centro de Creación Dramática do CDG

[23/02/2009] O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) acolle dende hoxe e até o vindeiro venres 27 un obradoiro de escrita teatral a cargo do recoñecido dramaturgo francés Enzo Cormann. Este encontro, o terceiro dos catro que conforman o curso de escrita teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade III que dirixe Cándido Pazó, desenvólvese na biblioteca do Salón Teatro de Santiago en horario de 16.00 a 20.00 h.

Enzo Cormann

Enzo Cormann, pseudónimo de Bernard Vergnes, é un dos máis destacados autores do teatro francés contemporáneo. De feito, ten no seu haber máis dunha trintena de obras, entre as que sobresaen Credo, Mingus Cuernavaca, Diktat, Toujours l'orage (Segue a tormenta) e La révolte des Anges (A rebelión dos anxos), publicadas principalmente en Editions de Minuit, Théâtrales e Actes Sud e traducidas a unha decena de linguas. É, ademais, docente do Estudo Europeo de Escritura Dramática, unha cita estival á que todos os anos acoden puntualmente alumnos das escolas oficiais de arte dramática de España e Francia.

Escritor asociado a diferentes teatros, desde o ano 2000 é o responsable do departamento de escritura dramática na Escola Nacional Superior das Artes e Técnica do Espectáculo (ENSATT) en Lyon (Francia). Cormann compaxina o seu labor como escritor coa faceta de músico pois grava regularmente en diversas formacións de jazz, coas que creou jazz poems, recitais e óperas de peto.

Cándido Pazó, Angélica Liddell e Maxi Rodríguez impartiron os anteriores obradoiros onde os doce alumnos matriculados traballaron os aspectos relacionados coa escolla dos temas e motivos de teatralización, detección de conflitos e valoración das potencialidades de partida, así como os distintos elementos da teatralidade á hora de abordar o traballo dramatúrxico, construción de personaxes, diálogos e resolución de finais. O último dos obradoiros -previsto para a semana do 30 de marzo ao 3 de abril- correrá a cargo da británica Elysee Dodgson, directora asociada e xefa do departamento internacional do Royal Court Theatre de Londres.

Ligazóns