Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONCERTO DO MÚSICO E CANTANTE CALIFORNIANO, QUE DARÁ COMEZO ÁS 22.00 HORAS, INAUGURA UNHA NOVA EXTENSIÓN DO FESTIVAL SINSAL EN SANTIAGO

O pop onírico e romántico do californiano Jeremy Jay soará este domingo no Salón Teatro

[20/02/2009] A actuación do músico e cantante californiano Jeremy Jay no Salón Teatro, este domingo 22 de febreiro ás 22.00 horas, inaugura a terceira edición da extensión en Compostela do Festival Sinsal, un encontro de referencia en Galicia para a música contemporánea máis vangardista. Jay visita Santiago dentro da xira europea na que está a adiantar algúns temas do que será o seu novo traballo discográfico, Slow Dance.

Jeremy Jay

Este será o segundo LP do artista estadounidense, que se converteu nunha das revelacións pop rock da pasada temporada grazas ao seu álbum de debut, A Place Where We Could Go, unha mestura de pop onírico e romanticismo que a crítica cualificou de "sofisticadamente retro e sedutoramente ambigua". Slow Dance, que sairá ao mercado a finais de marzo da man de K Records, é -segundo o seu propio autor- un traballo de "temática invernal" máis influenciado pola new-wave francesa.

Para este 2009, Jeremy Jay ten prevista unha extensa xira de concertos, que acaba de iniciar en Alemaña e durante a que, ademais de ofrecer sete concertos en España, tamén actuará en Austria, Francia, Italia, República Checa e Estados Unidos.

Esta nova extensión do Festival Sinsal no espazo escénico que xestiona Centro Dramático Galego completarase con outros dous concertos: o do grupo británico Pram o 2 de abril e o que compartirán a banda italiana Larsen e a cantante de Nova York Little Annie o 14 de maio.

As entradas para asistir a estas tres citas musicais poranse á venda no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

Documentación
Ligazóns