Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O FUNÁMBULO JONATHAN GUICHARD E O ACRÓBATA FNICO FELDMANN EXECUTARÁN ESTA MONTAXE DE GRAN COMPLEXIDADE TÉCNICA OS DÍAS 19 E 20, ÁS 20.30 H, NO SALÓN TEATRO

A compañía francesa Ieto pecha o ciclo "Circo en escena" co espectáculo premiado no Festival Jeunes Talents du Cirque Europe

[18/02/2009] O Salón Teatro de Santiago acolle mañá xoves 19 e o venres 20 de febreiro ás 20.30 horas dúas funcións do espectáculo Ieto, a segunda produción da compañía francesa de novo circo do mesmo nome, que levará ao escenario compostelán a gran complexidade técnica e o considerable risco artístico e físico deste traballo. O dúo que integran o funámbulo Jonathan Guichard e o acróbata Fnico Feldmann pechan con esta montaxe de danza acrobática contemporánea o ciclo "Circo en escena", que durante este mes de febreiro amosou no espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) algunhas das creacións que están a ser escenificadas nos certames e programacións deste xénero máis prestixiosos do mundo.

Ieto

De feito, Ieto foi premiada no festival Jeunes Talents Cirque Europe 2008. Trátase dunha proposta chea de ideas e creatividade, que investiga a expresividade corporal pero tamén o espazo e os elementos escénicos. No trascurso do espectáculo, a complicidade lúdica entre os dous artistas salta á vista: un dos personaxes, de forte concentración, contrasta coa figura do outro, de espontánea intelixencia e tranquila indiferenza. Diante deles teñen sete enormes táboas de corenta quilos de peso cada unha, dúas ou tres barras, unha corda, algunhas cuñas... Con todo este material fan construcións e estadas e xogan cos contrapesos, as suspensións e os desequilibrios, até chegar ao momento de emprenderen a travesía polo baleiro sobre o cable tendido, entre cuxo silencio xorde o renxer da madeira sometida a esforzos.

Sarillos acrobáticos

Os dous personaxes divírtense inventando sarillos acrobáticos nos que se entretecen, sorprenden e pelexan en clave de broma. Os seus movementos nunca resultan forzados e os seus encadeamentos son tan fluídos que lles permiten unirse unha e outra vez sen parar.

O espectáculo conta ademais unha historia: a serenidade dun deles vese respondida pola inquedanza enfermiza do outro. Sen procurar unha caricatura esaxerada dos seus trazos, a súa relación vai desenvolverse mediante o seu xeito espontáneo de vivir as cousas de xeito diferente. O desasosego dun serve para amplificar a indolencia do outro, e só cando están xuntos adquiren toda a súa forza, levando ao espectador a un pracenteiro absurdo nunha ilóxica irrealidade de inesperados movementos. Mais eles non parecen ter conciencia do inútil dos seus esforzos nin do cómica que resulta a súa liorta. Nada ten sentido e iso dálle máis valor.

Funámbulo e acróbata

Ieto constituíuse en 2006 tras unha estancia na Ferme du Riu Ferrer que desembocou na realización do número Serre les coudes (Bótame unha man). Compóñena dous artistas de circo, un músico e un encargado de iluminación e son.

Jonathan Guichard é un funámbulo que xurdiu do Centro Nacional das Artes Circenses francés en 2005 co espectáculo KILO e participou na creación da montaxe ZOOO. Fixo números de funambulismo en varias ocasións, como por exemplo co circo Romanès (2006) ou co circo peruano La Tarumba (2007). Paralelamente, imparte clases de funambulismo profesional no Lido (París).

Fnico Feldmann é un acróbata que fixo un curso para afeccionados no Lido mentres levaba a termo a licenciatura de Ciencias e Técnicas das Actividades Físicas e Deportivas. Ademais de ser docente no Lido durante cinco anos, formouse durante dous anos en La Grainiere e con Les Pronomades. A partir de 2003 fíxose profesional coa compañía Les Renversés, que funda con outros dous artistas circenses. En 2006 participou na creación do espectáculo Les Rêves oubliés (Os soños esquecidos), realizado pola compañía La Baraque e coreografado por Elisa Martín Pradal.

As entradas para Ieto están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo da actuación. O prezo das localidades é de 10 euros cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.