[17/02/2009] O sector escénico galego dótase do seu I Convenio de Actores e Actrices de Teatro, que regulará por primeira vez as condicións laborais da profesión a partir do texto acordado polos representantes dos sindicatos CC.OO., CIG, UXT, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), da asociación Escena Galega, e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
Este convenio colectivo, que será asinado mañá día 18 de febreiro, nace coa vocación de ser considerado como unha referencia no plano das artes escénicas e de contribuír decisivamente á promoción e consolidación da profesión teatral que, ata o momento, non contaba cunha regularización laboral propia que tivera en conta as especiais características que afectan ao desenvolvemento do traballo actoral.
Ámbito
O I Convenio de Actores e Actrices de Teatro de Galicia afectará a todas as empresas e a todos os actores e actrices contratados por elas dentro do ámbito da Comunidade autónoma para realizar representacións de calquera xénero teatral en vivo, a través de producións públicas, privadas ou coproducións.
O documento consta de preámbulo e 27 artigos, entre os que destacan os referidos ás fórmulas de contratación laboral, á clasificación profesional en catro categorías (protagonista, principal, secundario e reparto), á prestación laboral por ensaios e substitucións, á xornada laboral e ao réxime de traballo, onde se regula así mesmo a contratación de menores para a súa participación en espectáculos públicos.
Ademais, o articulado acompáñanse de varios anexos nos que se establecen as retribucións económicas de 2009 para as catro categorías profesionais estipuladas en función da compañía contratante (privada ou pública), así como un contrato tipo especial para artistas.