Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS GAÑADORES COÑECERANSE O 25 DE NOVEMBRO

Convocado o IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia con cinco distincións e 11.500 euros en premios

[17/07/2006] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais da Consellería de Cultura e Deporte vén de convocar o IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia, concurso pioneiro na nosa Comunidade para a difusión da danza moderna e contemporánea, que conta nesta edición cunha dotación económica de até 11.500 euros en premios para un máximo de cinco distincións. Dirixido a todos os coreógrafos e coreógrafas, calquera de sexa a súa nacionalidade, o certame organízase como plataforma de exhibición de novas creacións co obxectivo de incentivar a actividade profesional neste sector artístico, así como a investigación, a innovación e as postas en escena imaxinativas.

Os interesados teñen até o próximo 17 de setembro para facer chegar as súas coreografías ao IGAEM, conformes ao formato e demais documentación que se esixe nas bases xerais do certame. Así, por exemplo, as obras haberán de ser orixinais, interpretadas por un elenco de 3 a 6 bailaríns/inas e estreadas ao longo de 2006.

Un xurado integrado por profesionais da danza, tras visionar e avaliar todas as propostas, realizará unha preselección de candidatos aos premios, que haberán de executar o seu traballo sobre o escenario do Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 25 de novembro, día no que se darán a coñecer os gañadores. O xurado baseará a súa decisión final en criterios como a orixinalidade, a capacidade de invención, a innovación e risco das propostas, o manexo da linguaxe coreográfica e a utilización do espazo escénico e dos seus elementos.

PRIMEIRO PREMIO DE 4.000 EUROS

Suman até un máximo de cinco as distincións que pode outorgar este IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia. Así, o primeiro premio está dotado con 4.000 euros, ademais de contemplar a posibilidade de que a obra gañadora se exhiba dentro da programación española de coreografías galardoadas que promove a Federación de Asociaciones de Profesionales de la Danza.

As bases establecen, así mesmo, galardóns para as dúas seguintes coreografías finalistas (2.500 euros para a segunda clasificada e 2.000 euros para a terceira). Hai ademais un cuarto premio de 1.500 euros ó bailarín ou bailarina destacado, así como a posibilidade de conceder a maiores algunha outra mención especial por outros 1.500 euros.

ANTERIORES GALARDOADOS

O IGAEM fundou o Certame de Creación Coreográfica de Galicia en 2003, ano no que resultaron gañadores Vicente Colomer e Jaime Pablo Díaz coa obra Alento ; e Bárbara Monteagudo con Era. Dolores Mayán recibiu unha mención especial do xurado por MIT.

Na segunda edición, correspondente ó 2004, os primeiros postos foron para Eva Bertomeu coa obra Femme. Mujer en tres colores (1º premio), Dolores Mayán con Quid est mulier? (2º premio) e Mercedes Suárez con O calar do tempo (3º premio). Miguel A. Ponte, integrante da compañía Druída Danza, foi recoñecido como bailarín máis destacado e o xurado concedeu unha mención especial para o traballo de Rafael Linares e a súa obra Completo.

Miguel Azcúe coa coreografía Desierto adxudicouse o primeiro premio do certame de 2004, en tanto que o resto de galardoados foron Damián Muñoz e Experimenta Danza con Meltemi (2º premio) e Maruxa Salas con Didenoi (3º premio). O pasado ano o xurado decidira outorgar unha mención especial á coruñesa Mercedes Suárez por O anxo exterminador, e recoñeceu á ourensá Maruxa Salas como a intérprete máis destacada.