Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MARIÁN BAÑOBRE E ISABEL RISCO, ACOMPAÑADAS DE JOSÉ LOSADA, PROTAGONIZAN ESTA PROPOSTA DE CLOWN INSPIRADA NA SERIE TELEVISIVA INGLESA "OS VINGADORES"

A compañía galega Maquinaria Pesada debuta co espectáculo "As vingadoras" dentro do ciclo "Circo en escena" do Salón Teatro

[12/02/2009] Maquinaria Pesada debuta esta fin de semana como nova compañía escénica galega coa estrea do espectáculo As vingadoras, o sábado 14 ás 21.00 horas e o domingo 15 ás 18.00, no marco do ciclo "Circo en escena" que se está a celebrar no Salón Teatro de Santiago. As actrices galegas Marián Bañobre e Isabel Risco presentan así o seu novo proxecto en común, que inician con esta proposta dirixida por John Wright e baseada na serie televisiva inglesa The avengers (Os vingadores).

As vingadoras

Case 50 anos despois de que a televisión británica comezara a emisión desta mítica serie de axentes segredos, na que a parella formada pola sensual Emma Peel e o gentleman John Steed enfrontábase a malfeitores e delincuentes, Maquinaria Pesada decide recuperar as súas aventuras poñendo en escena un espectáculo de clown cheo de humor e optimismo. En As vingadoras, Isabel Risco encarna a Emma e Marián Bañobre a Pili, en clara referencia a Emma Peel, a quen ambas as dúas queren emular. José Losada (no papel de Ti) completa o trío interpretativo ás ordes do recoñecido director de escena británico John Wright.

Ensaios abertos

Wright implicouse dende o principio no proxecto das súas ex alumnas (ambas as dúas participaron en senllos cursos impartidos por el en Londres e Compostela), encargándose dunha parte da preparación actoral e da produción na capital inglesa e desenvolvendo dende o pasado luns 9 os últimos ensaios en Santiago cunha residencia no Salón Teatro.

Ademais, durante estes días previos á súa estrea, a compañía quixo abrir os seus ensaios a diversos colectivos, de xeito que alumnos do Colexio Peleteiro, da Aula de Teatro da Universidade de Santiago, do CPR O Raio Verde e un grupo da Residencia de Maiores Campolongo de Pontevedra están a ser testemuñas dos retoques finais de As vingadoras.

Nesta nova montaxe, as astutas Emma e Pili terán que solucionar coa súa preparación e coñecementos un caso de máxima importancia para a sociedade galega. Este tándem de detectives (en versión clown) será o encargado de resolver o misterio e restablecer a orde das cousas. Para iso, asumirán unha misión na que terán que enfrontarse a enigmas e perigos que porán a proba as súas capacidades.

Novo proxecto escénico

Maquinaria Pesada xorde da iniciativa dun pequeno grupo de persoas cun interese común: o de intentar entreter co seu traballo. Aínda que polo momento a súa traxectoria como entidade non é moi ampla, os seus compoñentes veñen traballando xuntos dende hai case 10 anos no eido teatral fundamentalmente.

Marián Bañobre e Isabel Risco conforman dende a súa aparición na montaxe Unhas cincentas desclowntroladas unha das parellas cómicas máis sorprendentes e divertidas do mundo da escena galega. Isabel traballa como actriz secundaria e protagonista en series como Padres Casares, A vida por diante ou Air Galicia, así como noutros programas da TVG como Pillados, Zapping Comando ou Máxima Audiencia. Pola súa banda, Marián participa dende o ano 1999 en máis de vinte espectáculos profesionais dentro e fóra de Galicia, coas compañías Casahamlet, Teatro do Morcego, Teatro de Ningures, Nove- Dous Teatro, Teatro Organic, Os Sete Magníficos Máis Un e o Centro Dramático Galego. En 2006 recibe o premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria polo espectáculo Tartufo, de Teatro de Ningures.

As entradas para as As vingadoras están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo da actuación. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado 14 (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo 15, día do espectador.

O ciclo "Circo en escena" finalizará os vindeiros días 19 e 20 co espectáculo Ieto, premiado no festival Jeunes Talents Cirque Europe 2008. Jonathan Guichard e Fnico Feldmann, funámbulo e acróbata, son os integrantes desta proposta de danza acrobática contemporánea, chea de ideas e creatividade, de complexidade técnica e cun gran risco artístico e físico.

Documentación