[06/02/2009] A cultura galega está representada na Feira Internacional de Arte, Cultura e Industrias Culturais CONCEPTA a través do expositor co que a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) participa nesta primeira edición do evento, que se desenvolve ata ao vindeiro domingo día 8 na Exponor de Porto (Portugal) no marco do Forum 09 Cultura e Creatividade.
CONCEPTA comparte espazo expositivo co I Salão Internacional dos Museus e do Património TEMPUS, congregando en conxunto máis de 130 entidades participantes de Portugal, Brasil, España, Macau, Timor, etc. Configúrase así unha feira de negocios transversal a todo o sector da cultura e da creatividade, con especial fincapé en proxectos de innovación cultural e a través da que se busca demostrar o potencial deste sector na creación de emprego e no desenvolvemento económico e social.
A AGADIC conta cun stand con diferente material promocional e informativo sobre a cultura galega para a súa distribución entre os axentes acreditados. Xunto a unha mostra das coleccións coeditadas pola Axencia, atópanse tamén contidos relacionados coa actividade das súas unidades artísticas -Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego-, así como as revistas a través das que promove os seus tres circuítos de distribución de espectáculos: Paraíso (Rede Galega de Teatros e Auditorios e Rede Galega de Salas) e Música ao Vivo (Rede Galega de Música ao Vivo), entre outros soportes.
Cultura e desenvolvemento social
O Forum Cultura acolle, asemade, outra serie de actividades complementarias como concertos, obradoiros, presentacións profesionais e debates sobre xestión cultural, as marcas na arte ou o impacto social da actividade creativa, entre outros temas. No marco destas sesións paralelas, o director da AGADIC, Miguel Martín, participará mañá nunha mesas redondas sobre economía creativa nas comunidades.
Organizado pola Agência Inova, co patrocinio da Unesco e da Presidencia da República portuguesa, o Forum 09 é ademais o primeiro evento oficial do Ano Europeo da Creatividade e da Innovación.