Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ACRÓBATA DO MASTRO CHINÉS JOÃO P. PEREIRA DOS SANTOS DESAFÍA A GRAVIDADE DURANTE A EXECUCIÓN DA COREOGRAFÍA ESPECIALMENTE CREADA PARA EL POR RUI HORTA

Continúa no Salón Teatro o ciclo "Circo en escena" coa montaxe "Contigo" dos portugueses O Último Momento

[06/02/2009] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana -sábado 7 ás 20.30 horas e domingo 8 ás 18.00 horas- dúas funcións do espectáculo de mastro chinés Contigo, a cargo da compañía portuguesa O Último Momento. Continúa así o ciclo "Circo en escena", unha iniciativa pioneira en Galicia que durante este mes de febreiro amosa no espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) algunhas das propostas que están a ser escenificadas nos festivais e programacións máis prestixiosos do mundo.

Contigo

Estreado en 2006 no Festival de Aviñón, no ámbito do programa "Le Sujet à Vif", Contigo é un espectáculo nacido do encontro entre dous artistas portugueses: o acróbata João P. Pereira dos Santos e o coreógrafo Rui Horta. Con forza, equilibrio e técnica, o primeiro executa unha coreografía creada polo segundo. No escenario, apenas ocupado por algúns obxectos, un mastro chinés marca fatalmente ese espazo e lanza un desafío vertical. Un corpo responde a ese mesmo desafío, á vertixe, ao risco e á posibilidade de caer.

Unha linguaxe común

Segundo Rui Horta, para o que esta colaboración foi unha das súas experiencias artísticas "máis gratificantes" pola complicidade xurdida entre coreógrafo e acróbata, o traballo de João Paulo Santos "fainos crer en moitas cousas importantes: na perseveranza, na coraxe individual e, sobre todo, na sinceridade do intérprete, indisociable da integridade do individuo". En Contigo, a danza contemporánea e o novo circo fúndense nunha linguaxe común onde as fronteiras entre estas dúas disciplinas artísticas parece non existir.

As entradas para a estas funcións están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado 7 (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo 8, día do espectador.

João Paulo Pereira dos Santos leva desde os 15 anos desafiando a gravidade entre o chan e o aire. Iniciou a súa formación en artes circenses en Lisboa (no Chapitô) en 1996, onde concluíu o Curso de Artes da EPAOE (Escola Profissional de Artes e Ofícios do Espectáculo) en 1999. Posteriormente estudou na Escola de Artes do Circo de Rosny (Francia) e formou parte da compañía Le Cheptel Aleïkoum, que reuniu os artistas formados na 15ª edición do curso do Centro Nacional das Artes do Circo de Châlons en Champagne (2001-2003) no espectáculo LeCirqLe, baixo a dirección de Roland Shön. Participou igualmente en Oceanos e utopias, dirixido por Philippe Genty (1998) e en Ring, coreografía de Félix Ruckert (2002). Coa súa compañía O Último Momento creou Peut-être co músico Guillaume Dutrieux, espectáculo que foi seleccionado para Jeunes Talents Cirque (2004), así como a peza curta Voar (2005).

Rui Horta, un dos coreógrafos portugueses máis recoñecidos internacionalmente, comezou a bailar aos 17 anos no Ballet Gulbenkian. Posteriormente instalouse varios anos en Nova York para rematar a súa formación en danza. Entre 1984 e 1987 fundou e dirixiu a Companhia de Dança da Lisboa, unha das formacións máis significativas no desenvolvemento da nova danza portuguesa. Máis tarde e co apoio do Serviço Acarte da Fundação Gulbenkian, creou a súa propia compañía, coa que comezou a presentar o seu traballo en Europa. Entre 1991 e 1998 foi convidado a crear e dirixir o S.O.A.P. Dance Theater Frankfurt, co que levou a escena diversos espectáculos que xiraron por todo o mundo. Na temporada 2000-2001, Rui Horta regresou a Portugal, onde estableceu un Centro Coreográfico en Montemor-o-Novo. En 2001 creou PIXEL, coa que gañou o Premio ACARTE, e un ano despois puxo en escena LP. Como director artístico do Centro Coreográfico de Montemor-o-Novo, foi comisario do Proxecto COLINA-Collaboration in Arts en 2003, recibindo no 2004 o Premio Almada do Instituto das Artes do Ministerio da Cultura de Portugal.

O ciclo "Circo en Escena" continuará o vindeiro sábado 14 e o domingo 15 coa compañía galega Maquinaria Pesada, que debutará coa estrea do espectáculo de clown As vingadoras, o novo proxecto en común das actrices galegas Marian Bañobre e Isabel Risco. Finalmente, os franceses Ieto pecharán os días 19 e 20 este ciclo co espectáculo homónimo, premiado no festival Jeunes Talents Cirque Europe 2008. Jonathan Guichard e Fnico Feldmann, funámbulo e acróbata, son os integrantes desta proposta de danza acrobática contemporánea, chea de ideas e creatividade, de risco artístico e físico e de gran complexidade técnica.