[26/01/2009] Un total de 13 grupos galegos de diferentes estilos musicais actuará este ano en Cataluña en virtude do acordo establecido entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Institut Catalá de les Indústries Culturais (ICIC) para a extensión da Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) a 9 salas catalás. Serán 30 os concertos programados no marco deste primeiro circuíto RGMV-Catalunya, que se desenvolverá de marzo a xuño e de setembro a novembro.
O calendario de actuacións inaugúrase o vindeiro 7 de marzo cos concertos de Samesugas e The Homens en La 2 de Apolo, en Barcelona. Café del Teatre (Lleida), El Clap (Mataró), El Sielu (Manresa), Faktoría d’Arts (Terrasa), La Mirona (Salt), Lo Submarino (Rasquera), Sala Monasterio (Barcelona) e Salamandra (L’Hospitalet) completan a listaxe de salas que acollerán esta programación.
Os responsables dos devanditos espazos, todos eles membros da Associacó de Sales de Concerts de Catalunya (ASACC), seleccionaron as 13 bandas participantes de entre máis de 170 grupos e solistas inscritos. Así, xunto con Samesugas e The Homens, viaxarán este ano a Cataluña 6 PM, A Tuna Rastafari, Faltriqueira, Holywater, Jugoplastika, Lamatumbá, Moon Cresta, Nadadora, Niño y Pistola, Sugar Montain e The Blows.
Con esta iniciativa, a AGADIC dá un paso máis na promoción exterior da música galega trala positiva experiencia que significou o intercambio entre a Rede de Música ao Vivo e o circuíto portugués OuTonalidades no último trimestre do pasado ano, cando 5 formacións galegas protagonizaron 15 concertos no país veciño, e 6 bandas de Portugal ofreceron 21 actuacións en Galicia. Ambos programas enmárcanse nunha máis ampla liña de traballo na que se sitúa igualmente o apoio institucional á participación do sector musical galego en feiras e encontros internacionais.