[22/01/2009] O Salón Teatro de Santiago enfronta un novo período de programación trimestral co teatro e o novo circo como grandes protagonistas. O espazo escénico xestionado polo Centro Dramático Galego (CDG), que acolle na actualidade e até o 31 de xaneiro a reposición da produción propia Noite de Reis como primeira actividade anual, desenvolverá até finais de marzo un total de 50 funcións a cargo de sete formacións artísticas.
Así, durante o mes de febreiro o Salón Teatro acollerá a primeira edición do ciclo "Circo en escena", unha iniciativa pioneira en Galicia que ofrecerá aos afeccionados ao xénero a oportunidade de gozar de diferentes propostas que se están a representar dentro dos festivais e programacións máis prestixiosas do mundo, como é o caso do Jeunes Talents Cirque Europe. Un total de catro compañías procedentes de Galicia, Andalucía, Portugal e Francia amosarán a fusión do novo circo con diferentes disciplinas artísticas (como son a danza ou o teatro), diversificando as formas de expresión e a súa linguaxe.
Circo con flamenco, danza ou clown
"Circo en escena" comezará os días 5 e 6 de febreiro coa compañía andaluza Varuma Teatro, que escenificará a peza Malgama. Malabaristas que rouban os lunares dun traxe de flamenca para xogar con eles e botalos ao compás mentres se desenvolve un espectáculo de canto e baile, ou unha bailaora coa bata de cola suspendida no aire compartindo escenario cun pallaso acróbata son algúns dos números desta montaxe onde se dan a man o circo contemporáneo, a música en directo e o flamenco.
Seguirán nas próximas xornadas as representacións da compañía portuguesa O Último Momento coa montaxe Contigo (días 7 e 8), un espectáculo nacido do punto de encontro entre o coreógrafo Rui Horta e o acróbata do mastro chinés João P. Pereira dos Santos. A danza contemporánea mestúrase nesta ocasión co novo circo nunha linguaxe común onde as fronteiras entre estas dúas disciplinas parecen non existir.
Os días 14 e 15, a compañía galega Maquinaria Pesada debutará coa estrea do espectáculo de clown As vingadoras o novo proxecto en común das actrices galegas Marian Bañobre e Isabel Risco baseado na serie televisiva inglesa dos anos sesenta Os vingadores.
Finalmente, os franceses Ieto pecharán os días 19 e 20 este ciclo co espectáculo homónimo, premiado no festival Jeunes Talents Cirque Europe 2008. Jonathan Guichard e Fnico Feldam, funámbulo e acróbata, son os integrantes desta proposta de danza acrobática contemporánea, chea de ideas e creatividade, de risco artístico e físico e de gran complexidade técnica.
Jeremy Jay inaugura a extensión do Sinsal
A oferta de espectáculos prevista pola dirección do CDG para o Salón Teatro complétase co primeiro concerto da celebración, por terceiro ano consecutivo, da Extensión do Festival Sinsal, un encontro de referencia en Galicia para a música contemporánea máis vangardista. Fundado na cidade de Vigo en 2003, o Festival Sinsal aposta polos sons contemporáneos, as propostas populares e os proxectos máis arriscados do panorama musical internacional.
En Compostela ofrecerá o domingo 22 de febreiro ás 22.00 horas a actuación do californiano Jeremy Jay, que coa súa particular e emotiva voz presentará o seu disco debut A Place Where We Could Go.
"As Dunas" pecha o calendario trimestral
O calendario de actividades dará paso a partir do 6 de marzo e até o día 5 de abril a cinco funcións semanais (de mércores a domingo) da montaxe As dunas, a segunda produción propia do CDG para a actual temporada. O texto, escrito ad hoc por Manuel Lourenzo como resultado do proxecto de dramaturxia residente, será representado con Quico Cadaval como director de escena. Os talentos creativos de Lourenzo e Cadaval xúntanse nesta nova proposta, á que ambos se refiren como "un cabaré sobre o paraíso perdido". A obra foi concibida como unha viaxe pola mariña luguesa da man dunha tropa estrafalaria composta por músicos, danzantes e cantores que, concentrados nunha vella nave industrial en desuso, están a ensaiar números musicais para un spa que vai ser a revolución da zona.
No espectáculo participa un elenco de 10 actrices e actores no que figuran grandes nomes da escena galega como Evaristo Calvo, Manolo Cortés, Susana Dans ou Rodrigo Roel. Baltasar Patiño será o responsable do espazo escénico e da iluminación, Gilda Bonpresa deseñará os figurinos e Armando Martén, a coreografía.
Bono de Inverno
Durante este novo tramo de programación tamén está xa disposición do público o Bono de Inverno, válido para adquirir catro localidades para asistir a outras tantas funcións (As dunas máis outros tres espectáculos a escoller por un prezo total de 20 euros). O bono implica un aforro do 50% sobre o prezo xeral e pódese obter na billeteira do Salón Teatro.
A maioría das representacións para público xeral serán ás 20.30 horas; agás os domingos ás 18.00 horas. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 € para os venres e os sábados (cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos), e de 5 € para o domingo, día do espectador.
Balance 2008
A programación desenvolvida no Salón Teatro durante o pasado ano 2008 deu cabida a un total de 97 funcións levadas a cabo por 30 formacións artísticas, en tanto que o público quedou cifrado en 10.374 espectadores. Nunha clasificación por xéneros, escenificáronse un total de 34 funcións de teatro que foron vistas por 4.033 persoas, 6 espectáculos de danza aos que asistiron 431 persoas e 7 concertos de música presenciados por 629 persoas.
Canto ás temporadas de exhibición das producións propias do CDG, as representacións de Valdemuller, Estigma e A boa persoa de Sezuán congregaron 5.281 espectadores nas 50 funcións desenvolvidas.