Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTE SEGUNDO ENCONTRO DO CURSO "PISTAS PARA UNHA DRAMATURXIA DA ACTUALIDADE III" CELÉBRASE NO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO DO 19 AO 23 DE XANEIRO

O autor asturiano Maxi Rodríguez imparte un obradoiro de escrita teatral no Centro de Creación Dramática do CDG

[16/01/2009] O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) acolle a partir do luns 19 o segundo dos catro obradoiros que conforman o curso de escrita teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade III, impartido polo dramaturgo asturiano Maxi Rodríguez e supervisado por Cándido Pazó. Un grupo de 12 alumnos seguirá esta actividade, que se desenvolverá na biblioteca do Salón Teatro até o venres día 23 en horario de 17.00 a 20.00 h.

Pistas para unha dramaturxia da actualidade componse de catro obradoiros dunha semana de duración cada un, nos que, a partir da identificación e do estudo dos múltiples temas que poden definir a actualidade, son rastrexados e experimentados os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordalos. Así, ademais de Cándido Pazó e Maxi Rodríguez, o francés Enzo Cormann, responsable do departamento de escritura dramática na Escola Nacional Superior das Artes e Técnica do Espectáculo (ENSATT), impartirá un terceiro obradoiro que terá lugar do 23 ao 27 de febreiro. Finalmente, do 30 de marzo ao 2 de abril está previsto o taller da británica Elyse Dodgson (Reino Unido), directora asociada e xefa do departamento internacional do Royal Court Theatre de Londres.

Durante a súa estadía no Centro de Creación Dramática, os alumnos están a escribir un texto breve que vai tomando forma segundo se desenvolven a totalidade dos obradoiros. Para este fin, Cándido Pazó, como director do curso, estableceu un período de seguimento presencial e a distancia dos traballos dos alumnos, posterior á celebración de cada un dos talleres. Ao remate do curso, o CDG organizará unhas lecturas dramatizas baixo o título "Lecturas en acción" cunha selección dos textos xurdidos desta experiencia.

Traxectoria profesional

Autor teatral, guionista, director e actor, Maxi Rodríguez (Mieres, 1965) leva estreadas e publicadas numerosas pezas de teatro en España, Portugal e América Latina, entre as que destacan ¡Oé, Oé, Oé...! -que en Galicia foi levada a escena por Roberto Vidal Bolaño- ou Enma. Recibiu numerosos galardóns, como o Premio Marqués de Bradomín 1989 con El color del agua; o Premi Borne de Teatro 1987 con El mío coito o la épica del BUP, ou o Premio Jovellanos 1983 con El lóbulo y las orejas.

En 1989 crea a compañía profesional Producciones Toaletta coa que pon en escena un extenso repertorio de obras propias (Ondas, Tris/Travel, The Curran 3, Píldoras de cabaret, ¡Oé, oé, oé!...) ao tempo que imparte cursos de formación teatral por toda a xeografía estatal, ademais de colaborar en diversas publicacións e en montaxes doutras compañías.