[14/01/2009] As tres redes de distribución de teatro, danza, maxia e música que promove a Consellaría de Cultura a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) ofrecerán un total de 1.015 funcións e concertos entre os meses de xaneiro e xuño, dos que 466 corresponden á Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV), 394 á Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e 155 á Rede Galega de Salas (RGS).
Unha das novidades deste primeiro período da programación de 2009 é a incorporación á RGS da Sala The Star, no concello coruñés de Carral, coa que xa son sete os espazos asociados a este circuíto: xunto co devandito local, Teatro del Andamio na Coruña; Sala Nasa, Sala Santart e Teatro Escena en Santiago; e Teatro Arte Livre e Teatro Ensalle en Vigo. A Rede Galega de Salas acollerá neste semestre as últimas propostas de 50 compañías (41 galegas e 9 procedentes doutros puntos do Estado), cunha presenza destacada das novas tendencias escénicas e do teatro infantil.
No caso da RGTA, un total de 80 espectáculos escénicos (teatro de adultos, danza, música de cámara, maxia e programación infantil) a cargo de 67 compañías (58 galegas e 9 de fóra de Galicia) dan forma a esta carteleira, que se desenvolve en 46 espazos xestionados por concellos e entidades privadas de todo o país.
Canto á Rede Galega de Música ao Vivo, 97 grupos e solistas de todos os estilos musicais actuarán até xuño nos 42 locais que integran na actualidade este circuíto promovido pola AGADIC xunto coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura.