Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS ALUMNOS INTERPRETARÁN OBRAS DE MOZART, DEBUSSY E BEETHOVEN A PARTIR DAS 20.30 HORAS NO AUDITORIO DA SEDE DA EAEM EN SANTIAGO

A Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece mañá o seu Concerto de Nadal baixo a dirección de Jordi Mora

[19/12/2008] O mestre catalán Jordi Mora dirixirá a Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais no Concerto de Nadal que ofrecerá mañá, a partir das 20.30 horas, no auditorio da súa sede en Santiago de Compostela. Nesta actuación, do mesmo xeito que nas celebradas onte no Pazo de Cultura de Carballo e hoxe na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada, os alumnos executarán un programa integrado pola Obertura "A frauta máxica", de W.A. Mozart; a Petite suite, de C. Debussy; e a Sinfonía n.º 2, de L.V. Beethoven.

Estes tres concertos serven, ademais, de peche para o encontro de práctica orquestral que os estudantes da EAEM mantiveron -por terceiro ano consecutivo- co profesor Mora no marco do programa formativo da Sección de Especialización deste centro que xestiona a Consellaría de Cultura a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Jordi Mora Griso formouse en Barcelona, Alemaña (no Hochschule für Musik de Würzburg) como oboísta e foi bolseiro polo Estado de Baviera, onde se licenciou en Musicoloxía e Filosofía na Universidade de Múnic cunha tese sobre a instrumentación na obra sinfónica de Beethoven. Estuda Dirección Orquestral e Fenomenoloxía da Música co célebre Sergiu Celibidache, e ten participado en numerosas clases maxistrais e cursos de dirección na Universidade de Mainz, en Múnic coa Münchner Philharmoniker, Trier, Londres, Stuttgart e París.

Foi director titular da Münchner Camerata, da Orquestra Sinfónica do Vallés e da Orquestra Nacional de Grecia. Como director convidado dirixiu en Alemaña, España, Francia, Italia, Rusia, Romanía, Grecia, EE.UU. e Sudamérica. Actualmente é director titular de l’Orquestra Simfònica Segle XXI (Cataluña) e da Bruckner Akademie Orchester (Múnic), orquestra coa que está a realizar a integral da obra sinfónica do compositor austríaco Anton Bruckner.