Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OFRECE ACTUALIZACIÓN CONTINUADA DE NOVAS, AVISOS E CARTELEIRA

O IGAEM estrea a súa nova web oficial con información de todas as súas actividades e convocatorias

[10/07/2006] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte estreou a súa nova páxina web oficial, elaborada na súa configuración e nos seus contidos para ser o principal instrumento comunicacional do organismo co sector da música, o teatro e a danza en Galicia, ademais de manter canles abertas de participación e información co público xeral.

Na nova web óptase por destacar as seccións que darán a coñecer puntualmente a xestión e actividades do IGAEM, mediante amplos apartados de novas, de avisos e de carteleira que se incorporan á portada, ademais dunha entrada directa á consultoría laboral, fiscal e contable aberta ás empresas do sector como un dos principais servizos en liña que se prestan diariamente. Ao mesmo tempo, a reconstrución pasou pola necesaria adecuación á normativa comunitaria canto á accesibilidade e usabilidade que se esixen aos contidos depositados en internet por parte das institucións e organismos públicos.

ACCESO ÁS UNIDADES DE PRODUCIÓN

Desde a mesma páxina de inicio establécense os menús de acceso aos principais programas e centros de produción do IGAEM, como son a Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Centro Dramático Galego-Salón Teatro, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Grupo de Música Tradicional, o Centro de Documentación ou a Feira das Artes Escénicas de Galicia. Neste último caso, a través da pestana que se corresponde, ábrese a páxina feiradasartesescenicas.com, que serviu á recentemente celebrada edición 2006 deste evento.

O boletín e-scena ocupa así mesmo un módulo salientable nesta nova estrutura web, xa que desde http://igaem.xunta.es os usuarios poden acceder a todos os números editados. Tamén hai lugar para todo tipo de información corporativa do IGAEM e das súas convocatorias de axudas e premios, así como distintos descritores tanto sobre o seu funcionamento interno como dos seus proxectos externos en curso. Completan os contidos dispostos o catálogo de publicacións do organismo, unha clasificación de ligazóns de interese e a posibilidade de acceder á suscrición para os apartados de novas e de carteleira.

A posta en funcionamento desta nova páxina, que substitúe á que ocupaba até agora ese mesmo dominio, é o primeiro banzo dun proceso máis amplo de optimización de todos os soportes web do IGAEM, xa que nos meses vindeiros verán a luz novas aplicacións de utilidade e se integraran outras páxinas cos seus dominios propios, tarefa que se iniciará para os casos concretos do Centro Dramático Galego e da Rede Galega de Teatros e Auditorios.