Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

EN DRAMATURXIASDAACTUALIDADE.ORG CONVIVIRÁN OBRAS DOS PARTICIPANTES NO CENTRO DE CREACIÓN DRAMÁTICA CONTEMPORÁNEA CON TÍTULOS DA DRAMATURXIA GALEGA E UNIVERSAL

O Centro Dramático Galego crea unha web específica para difundir os textos dos autores de teatro actuais

[18/12/2008] O Centro Dramático Galego (CDG) creou unha web específica para acadar a máxima difusión dos textos escritos polos autores de teatro galego actuais. A iniciativa, con escasos precedentes no Estado español, está accesible desde hoxe para todos os usuarios da Internet no dominio dramaturxiasdaactualidade.org e como unha actividade máis das xeradas polo Centro de Creación Dramática Contemporánea (CDC), dependente do CDG.

logo dramaturxias da actualidade

O novo sitio web aspira ao dobre obxectivo de ser vía de acceso de referencia para medir o pulso da escrita dramática galega actual e, ao tempo, de servir como plataforma de lanzamento para os creadores. A súa construción está deseñada para ser un híbrido entre un depósito con acceso público de textos dramáticos e un foro de lectura teatral. Tampouco desbota ser un lugar na rede onde atopar materiais, suxestións e informacións sobre o que foi escrito recentemente ou está a ser escrito na actualidade desde o sistema teatral galego.

Neste espazo virtual convivirán un número ilimitado de textos escritos polos participantes no laboratorio de escrita permanente Pistas para unha dramaturxia da actualidade -que dirixe dentro do CDC o autor e director teatral Cándido Pazó- con outras obras de autores emblemáticos da dramaturxia galega que queiran utilizar este medio para dar a coñecer os seus textos e propostas. Tamén hai un espazo para títulos actuais escritos en calquera lingua, así como para obras en reposición e textos de espectáculos producidos nos últimos anos polas compañías galegas e que estas queiran trasladar a estudosos, teatro amador e escolar, ou a futuras reposicións e novas montaxes.

Salvagarda da propiedade intelectual

A interface proporciona acceso libre a gratuíto aos textos completos, que foron debidamente autorizados polos autores, se ben quedan reservados todos os dereitos de propiedade intelectual de tal xeito que o uso público de cada obra require o permiso do creador.

Os textos están accesibles en formato pdf. Cada un deles vai acompañado dunha ficha técnica coa información práctica da obra: título, ano de creación, público ao que vai dirixido, número de personaxes masculinos e femininos, número de baixadas do arquivo, breve sinopse do argumento e unha pequena nota biográfica do autor en destacado.

Ademais, e para facer máis doada a localización, incorporouse un motor de busca por distintas categorías, como son o autor/a, título, ano, público, número de personaxes e texto libre. Tamén hai un foro de intercambio de opinións e xeración de debates sobre obras, temáticas e tendencias que conforman a escrita dramática de hoxe en día en Galicia.

Con dramaturxiasdaactualidade.org, o CDG segue a apostar pola súa política de poñer en conexión por todas as vías posibles o traballo de produción escénica coas temáticas que interesan á sociedade do século XXI, neste caso desde o seu apoio á difusión da obra de autores contemporáneos e en resposta á demanda de moitos deles de crear desde a institución unha plataforma conxunta para dar a coñecer os seus títulos.

A directora do CDG, Cristina Domínguez Dapena, xa adiantara no pasado mes de novembro en Alacante no marco da Muestra de Teatro Español de Autores Contemporáneos a posta en marcha desta web que suscitou grande interese entre os dramaturgos congregados neste encontro.