Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TEATRO DO ATLÁNTICO ABORDA O GALARDOADO TEXTO DRAMÁTICO DE TERESA MOURE

O Salón Teatro programa catro funcións de "Unha primavera para Aldara"

[17/12/2008] A compañía Teatro do Atlántico ofrece esta semana no Salón Teatro de Santiago catro funcións (os días 18, 19 e 20 ás 20.30 horas e o domingo 21, ás 18.00) da súa última produción Unha primavera para Aldara , dirixida por Xúlio Lago a partir do primeiro texto dramático de Teresa Moure, no que a autora monfortina reflexiona sobre o amor, a liberdade, a igualdade, a tolerancia ou a represión a través dunha trama que se sitúa na Revolta Irmandiña.

Imaxe do espectáculo

María Barcala, María Bouzas, Marcos Correa, Belén Constenla, Josi Lage, Amparo Malo, Xoán Carlos Mejuto, Pilar Pereira, Lucía Regueiro e Agustín Vega constitúen o elenco de 10 actores e actrices que interpretan esta peza, gañadora en 2007 por unanimidade do xurado do XIII Premio Rafael Dieste de Teatro "pola súa sólida estrutura dramática e a magnífica construción dos personaxes", segundo quedou recollido no acta do ditame. O mesmo documento atribuíu á obra un "alto valor literario, con grande complexidade escénica, aínda que rica en posibilidades de representación".

Lago, un dos directores galegos de máis consolidada traxectoria, recolleu este desafío para compoñer unha proposta escénica de gran formato, na que sobresae o traballo actoral e a ambientación, conseguida pola escenografía e vestiario ideados por Carlos Alonso e a iluminación deseñada polo propio Lago.

Galicia, século XV

En Unha primavera para Aldara hai espazo para o drama, a comedia, a traxedia e o teatro costumista. A acción sitúase no interior dun mosteiro feminino, na Galicia do século XV; un espazo, o do convento; e un tempo histórico, o medievo, con gran capacidade de suxestión. No exterior, estoupa a Revolta Irmandiña contra os abusos dos nobres feudais; no interior, as monxas están a pasar por un momento difícil no que atinxe a súa subsistencia.

Ao convento chega un cabaleiro irmandiño ferido gravemente na batalla e necesitado de refuxio e de coidados para sandar. As regras non permiten a presenza masculina no mosteiro, pero as monxas deciden poñer por diante a misericordia e acoller ao forasteiro até que se vexa curado das súas feridas. Tal decisión arrastra as súas consecuencias.

23 anos de Teatro do Atlántico

A compañía Teatro do Atlántico constitúese no ano 1985 e desde aquela leva realizadas até o momento un total de 24 producións, entre as que figuran Casa de bonecas, A noite das tríbades, Solo para Paquita, O cerco de Leningrado, O encoro ou A raíña da beleza de Leenane .

Realizou xiras por case todas as comunidades autónomas e participou en numerosos festivais nacionais e internacionais (Iberoamericano de Cádiz, FITEI do Porto, Latinoamericano de Córdoba -Arxentina-, Internacional de Caracas, Internacional de Ribadavia, Festeixo de Viana do Castelo, Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Mostra de Cee, Muestra de las Autonomías "Villa de Madrid" ou FIT de Carballo), presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega.

María Barcala, Casilda García, Susana Dans e Gonzalo Uriarte foron premios de interpretación en papeis protagonistas con esta compañía. Tamén foi premiada varias veces por dirección (Xúlio Lago), escenografia (Antonio Simón), actor secundario (Toño Casais) ou mellor espectáculo ( O encoro e A raíña da beleza de Leenane ).

Apoio ás producións galegas

A programación de Unha primavera para Aldara no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) supón a continuidade do apoio á exhibición das últimas producións das principias compañías que traballan actualmente en Galicia, ás que desde que comezou a nova temporada 2008-2009 se proporcionan catro días continuados de funcións co obxectivo de dotar dunha maior estabilidade á súa distribución.

As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros de xoves a sábado, cun desconto do 40% para menores de 12 anos, maiores de 65, xubilados e titulares de carné xove; e de 5 euros para o domingo, día do espectador.