Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 12 ALUMNOS ASISTEN NA ESCOLA ESPACIO ABERTO A ESTE WORKSHOP QUE ABORDA AS CONEXIÓNS VERTICAIS DO CORPO E A TÉCNICA "HANDS ON"

Peter Michael Dietz imparte en Santiago o curso de danza "O corpo dinámico", organizado polo CCG

[15/12/2008] Un total de 12 alumnos e alumnas asisten a partir de hoxe e até o 19 de decembro ao curso titulado O corpo dinámico, que se celebra na Escola Espacio Aberto de Santiago de Compostela a cargo do mestre dinamarqués Peter Michael Dietz como parte da oferta de formación do Centro Coreográfico Galego (CCG) para a actual temporada. Estudantes e profesionais da danza e outras artes do movemento esgotaron as prazas ofertadas dentro desta actividade, que se desenvolverá durante cinco días a modo de workshop.

Peter Michael Dietz

Dietz, integrante da compañía portuguesa Paulo Ribeiro, pretende enfocar dende o chan as conexións verticais e que emprega a técnica Hands on para conseguir unha mellor noción do bailarín en relación a outros corpos. A partir da aceptación de que o noso corpo e o noso movemento é distinto cada día, o coreógrafo busca ese movemento singular, improvisado ou musical, que sirva de aprendizaxe e diversión.

Peter Michael Dietz (Copenhague, 1966) desenvolve a súa actividade na danza, o movemento e o espectáculo dende 1984. Na actualidade traballa coas compañías Paulo Ribeiro, Clara Andermatt e Jangada de Pedra. É un dos formadores regulares do CEM (Centro en Movimento de Lisboa), do Foruma Dança (Lisboa), do Chapitô (Lisboa) e do Lugar Presente (Viseu). Tamén organiza actividades formativas puntuais na Escola Superior de Danza e no Conservatorio de Danza de Lisboa.

Feminine

O curso é unha das accións formativas que a Companhia Paulo Ribeiro realiza en colaboración co CCG, dentro do conxunto de actividades compartidas xurdidas a partir da coprodución da peza Feminine, en cuxo proceso creativo -desenvolvido en Viseu (Portugal)- participaron dúas profesionais galegas.

Feminine, que se exhibirá este sábado 20 de decembro no Teatro Principal de Santiago, pescuda o universo do poeta Fernado Pessoa a través da ollada de cinco mulleres interpretadas polas bailarinas Elisabeth Lambeck, Erika Guastamacchia, Leonor Keil, Sao Castro e a actriz Margarida Gonçalves.