Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DIRIXIDO POR NUNO CARDOSO, O ÚLTIMO ESPECTÁCULO DO CDG INICIA A SÚA TEMPORADA EN COMPOSTELA, ONDE OFRECERÁ CINCO REPRESENTACIÓNS SEMANAIS ATÉ O 14 DE DECEMBRO

Máis de 800 alumnos asistirán no Salón Teatro ás funcións escolares de "A boa persoa de Sezuán"

[26/11/2008] O último espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), A boa persoa de Sezuán, regresa a Compostela para facer temporada na súa sede do Salón Teatro, onde até o vindeiro 14 de decembro ofrecerá un total de cinco funcións semanais (mércores e xoves para estudantes -agás o 11 de decembro-, e venres, sábados e domingos para o público xeral).

A boa persoa de Sezuán

As representacións para escolares, que deron comezo esta mesma mañá, celébranse ás 10.30 horas e están especialmente indicadas para rapazas e rapaces de 1º e 2º de Bacharelato. En total, desenvolveranse cinco funcións para as que até o momento teñen confirmada a súa asistencia un total de 810 alumnos procedentes de 14 centros de ensino de Caldas de Reis, Rábade, Ordes, Roi, Vigo, Arzúa, A Baña, Valga, Palas de Rei, Ribeira, Curtis, A Illa de Arousa e Santiago de Compostela. Co obxectivo de facilitar o traballo na clase respecto da asistencia ao espectáculo como complemento da formación docente, o CDG elaborou un caderno educativo asinado por Carlos Labraña (Gálix).

Da man do director Nuno Cardoso, un dos nomes destacados da nova escena portuguesa, a compañía pública leva a escena esta fábula amarga sobre a busca da bondade nunha sociedade corrompida polos excesos capitalistas, que supón, así mesmo, a incorporación de Bertolt Brecht ao seu repertorio. O dramaturgo alemán escribiu A boa persoa de Sezuán no seu exilio estadounidense durante a II Guerra Mundial. Esta "obra a modo de parábola", como foi definida polo propio autor, conxuga algúns dos trazos máis característicos do teatro brechtiano para cuestionar a posibilidade de vivir xustamente nunha sociedade inxusta, nun mundo de paradoxos e extremos no que hai ricos fronte a pobres, patróns fronte traballadores.

Equipo galego-portugués

Para a montaxe, Nuno Cardoso contou cun equipo artístico galego-portugués do que forman parte 12 actores e actrices (Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres), así como Fernando Ribeiro (deseño do espazo escénico), José Álvaro Correia (iluminación), La Canalla (vestiario) e Víctor Hugo Pontes (axudante de dirección e movemento). Fran Pérez "Narf" foi o encargado do espazo sonoro, poñendo música ás cancións que interpreta o elenco, e Frank Meyer da tradución do texto ao galego.

O director portugués optou por un proceso creativo similar ao que seguiu nos seus últimos espectáculos asentados nunha coidada plasticidade e nunha esixente labor actoral que bota man de diferentes linguaxes interpretativas. O seu traballo cos actores comezou en Compostela a finais de agosto cunha primeira fase de análise dramatúrxica durante a que se abordou a obra de Brecht dende a interacción e as improvisacións. Elaborouse así unha linguaxe común a todo o equipo artístico a partir da que se comezou a construír o espectáculo a través do que Cardoso quixo recuperar o concepto de teatro como divertimento reivindicado polo autor.

Ambiente degradado

A versión do Centro Dramático Galego sitúa o espectador nun ambiente urbano totalmente degradado, dominado polo asfalto e as omnipresentes luces de neon. A obra comeza coa baixada a Sezuán de tres deuses -aquí encarnados por personaxes ben recoñecibles da cultura popular contemporánea- coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, persoas boas e xustas capaces de transformar a sociedade. A primeira que descobren é a única que os acolle, Xen Te, unha prostituta á que premian financiándolle outro medio de vida: un pequeno estanco. Pero os habitantes de Sezuán non tardarán en tirar proveito das boas intencións da moza, polo que esta, abafada polo acoso, decide facerse pasar polo seu curmán imaxinario, Xui Ta, que, con enorme frialdade, expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.

Este venres retómanse no Salón Teatro as representacións abertas ao público xeral, que teñen lugar até o 14 de decembro os venres e sábados ás 20.30 horas, e os domingos ás 18.00 horas. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do teatro dende dúas horas antes do inicio do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros o venres e o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Ligazóns