[20/11/2008] O CDG chega esta semana ao Auditorio Gustavo Freire de Lugo co seu último espectáculo, A boa persoa de Sezuán, versión en galego da obra de Bertolt Brecht con dirección de Nuno Cardoso, un dos nomes destacados da nova escena portuguesa. Esta fábula amarga sobre a busca da bondade nunha sociedade corrompida polos excesos capitalistas supón, así mesmo, a incorporación do dramaturgo alemán ao repertorio da compañía pública. En Lugo, ofrecerase unha única función o sábado 22, ás 20.30 h, dentro da programación do V Festival de Teatro Clásicos do Século XX.
Para a montaxe de A boa persoa de Sezuán, Nuno Cardoso contou cun equipo artístico galego-portugués do que forman parte 12 actores e actrices (Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres), así como Fernando Ribeiro (deseño do espazo escénico), José Álvaro Correia (iluminación), La Canalla (vestiario) e Víctor Hugo Pontes (axudante de dirección e movemento). Fran Pérez "Narf" foi o encargado do espazo sonoro, poñendo música ás cancións que interpreta o elenco, e Frank Meyer da tradución do texto ao galego.
Divertimento
O director portugués optou por un proceso creativo similar ao que seguiu nos seus últimos espectáculos, asentados nunha coidada plasticidade e nunha esixente labor actoral que bota man de moi diferentes linguaxes interpretativas. O seu traballo cos actores comezou en Compostela a finais de agosto cunha primeira fase de análise dramatúrxica durante a que se abordou a obra de Brecht dende a interacción e as improvisacións. Elaborouse así unha linguaxe común a todo o equipo artístico a partir da que se comezou a construír o espectáculo que agora se atopa en xira por toda Galicia e a través do que Cardoso quixo recuperar o concepto de teatro como divertimento que reivindicou o autor nun dos seus textos.
Bertolt Brecht escribiu A boa persoa de Sezuán no seu exilio estadounidense durante a II Guerra Mundial. Esta "obra a modo de parábola", como foi definida polo propio autor, conxuga algúns dos trazos máis característicos do teatro brechtiano para cuestionar a posibilidade de vivir xustamente nunha sociedade inxusta, nun mundo de paradoxos e extremos no que hai ricos fronte a pobres, patróns fronte traballadores.
Ambiente degradado
A versión do Centro Dramático Galego sitúa o espectador nun ambiente urbano totalmente degradado, dominado polo asfalto e as omnipresentes luces de neon. A obra comeza coa baixada a Sezuán de tres deuses -aquí encarnados por personaxes ben recoñecibles da cultura popular contemporánea- coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, persoas boas e xustas capaces de transformar a sociedade. A primeira que descobren é a única que os acolle, Xen Te, unha prostituta á que premian financiándolle outro medio de vida: un pequeno estanco. Pero os habitantes de Sezuán non tardarán en tirar proveito das boas intencións da moza, polo que esta, abafada polo acoso, decide facerse pasar polo seu curmán imaxinario, Xui Ta, que, con enorme frialdade, expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.
As localidades para a función do sábado en Lugo poden adquirirse ao prezo de 10, 8 e 6 euros na billeteira do Auditorio Municipal Gustavo Freire unha hora antes do comezo da función, ou de forma anticipada a través do teléfono 902 504 500 ou da web www.servinova.com. Trala función en Lugo, A boa persoa de Sezuán regresará a Compostela -onde foi estreada o pasado 24 de outubro- para facer temporada na súa sede do Salón Teatro, a partir do 26 de novembro e até o 14 de decembro.