Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTA CRÓNICA ENÉRXICA E MORDAZ DENUNCIA A TIRANÍA DOS QUE ASCENDEN AO PODER VALÉNDOSE DO SISTEMA DEMOCRÁTICO DE MANEIRA HIPÓCRITA, RUÍN E ABSOLUTISTA

O Salón Teatro acolle "El año de Ricardo", unha creación de Angélica Liddell para a compañía Atra Bilis

[20/11/2008] A compañía madrileña Atra Bilis porá en escena esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago El año de Ricardo con dúas funcións, o sábado 22 ás 20.30 horas e o domingo 23 ás 18.00 horas. Trátase dun espectáculo de teatro alternativo, escrito, dirixido e cointerpretado por Angélica Liddell, unha das figuras máis destacadas e interesantes da escena contemporánea.

Angélica Liddell en "El año de Ricardo"

El año de Ricardo, versión libre e actual do Ricardo III de William Shakespeare, afonda na natureza ruín, hipócrita e asasina do poder que se esconde tras a lexitimidade democrática dos estados para denunciar todo aquilo que vai en contra da liberdade do ser humano. O espectáculo completa a triloxía Actos de resistencia contra la muerte, composta tamén por Y los peces salieron a combatir contra los hombres e Cómo no se pudrió Blancanieves. Foi estreada na Sala Cuarta Pared en 2005 e resultou gañadora da segunda edición do Premio Valle Inclán de Teatro o pasado mes de abril.

Angélica Liddell (Figueres, Girona, 1966) é un dos nomes máis valorados dentro do panorama de autores contemporáneos xurdidos a partir dos anos oitenta. O seu teatro, que foxe de toda dramaturxia convencional, tende a amosar os aspectos máis escuros da realidade actual: sexo e morte, violencia e poder, os mitos antigos e modernos son algúns dos temas obsesivos na súa escrita.

Pero Liddell é ademais unha artista total e, no caso de El año de Ricardo, non só asume a autoría do texto e da dirección, senón tamén a concepción do espazo escénico e do vestiario e a interpretación, tarefa esta última compartida con Gumersindo Puche.

Manipulador de opinión

El año de Ricardo é unha viaxe introspectiva ás relacións máis primitivas entre corpo e poder, entre o privado e o público, a través dun Ricardo monstruoso, exhibicionista e cínico, que aproveita os puntos débiles dos réximes lexítimos para xustificar a súa repugnante alianza coa inxustiza. Ricardo é un vil manipulador de opinión que utiliza o narcisismo da masa incómoda e o egoísmo do individuo próspero para poñer a un pobo, moral e intelectualmente escravizado, a favor de accións infames. A súa máxima aspiración consiste en instaurar o temor como orde mundial; desexa convencer á sociedade enteira de que a maior seguridade estriba no temor.

Este Ricardo, conxunto de ambición e historial clínico, desenvólvese en terreos próximos ás tiranías coñecidas con feridas aínda abertas, pero, para a autora, aínda está máis próximo ao xenocidio lexítimo dos actuais tiranos electos, expertos en enmascarar os seus crimes baixo a maquillaxe democrática.

Performances e instalacións

Angélica Liddell (o apelido provén do da nena na que se inspirou Lewis Carroll para a súa Alicia no país das marabillas) inicia nos anos oitenta a súa traxectoria artística como autora dramática. Tras cursar estudos de Psicoloxía e Arte Dramático, en 1993 funda xunto a Gumersindo Puche a compañía Atra Bilis, no contorno da Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid. Con ela levará á escena os seus propios textos, iniciándose así na dirección, na escenografía e na interpretación.

Desde entón, a súa creación escénica seguiu desenvolvéndose en paralelo a súa produción dramática que foi adquirindo maior complexidade e calidade creativa. A súa obra transita por diversos xéneros literarios, como a narrativa ou a poesía, pero tamén se introduciu no mundo da performance e da instalación, dimensións coas que a súa obra teatral está estreitamente vencellada.

Ao longo da súa traxectoria recibiu o Premio de Dramaturxia Innovadora Casa de América 2003 e o Premio SGAE de Teatro 2004. En 2005, Angélica Liddell foi galardoada co Premio Ojo Crítico Segundo Milenio, o Premio de Teatro Caja España, e o II Premio Valle Inclán de Teatro por El año de Ricardo. Igualmente, foi nomeada ao Mellor Espectáculo Revelación por El Tríptico de la Aflicción nos Premios Max e Mayte de Teatro 2003.

As entradas para as representacións de El año de Ricardo poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado, cun desconto do 40% para menores de 12 anos, estudantes, usuarios de carné xove e maiores de 65 anos, e de 5 euros para o domingo, día do espectador.