[19/11/2008] A Compañía Paulo Ribeiro e o Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellaría de Cultura e Deporte estrean mañá ás 20.30 h no Teatro Jofre de Ferrol o espectáculo Feminine. A montaxe pertence ao programa de coproducións a través do que o CCG apoia proxectos de danza de iniciativas profesionais independentes e de empresas de titularidade privada.
Despois da súa peza anterior, que levaba por título Masculine, a compañía portuguesa pescuda en Feminine o universo do poeta Fernado Pessoa a través da ollada de cinco mulleres interpretadas polas bailarinas Elisabeth Lambeck, Erika Guastamacchia, Leonor Keil, Sao Castro e a actriz Margarida Gonçalves. Con coreografía e dirección de Paulo Ribeiro e música de Nuno Rebelo, esta proposta ofrécenos a posibilidade de coñecer o traballo dun dos colectivos artísticos de maior relevancia na danza contemporánea peninsular.
Trala estrea en Ferrol, Feminine visitará até abril de 2009 distintos escenarios de Galicia e Portugal, e participará no mes de febreiro no Festival New Territories de Glasgow (Escocia).
Programa de coproducións do CCG
A través do seu programa anual de coproducións, o CCG traballa na suma de iniciativas e esforzos a prol do desenvolvemento integral da danza e fomenta a colaboración e o apoio entre estruturas e organismos, impulsando o intercambio de coñecementos e iniciativas.
No caso de Feminine, a coprodución permitiu que as galegas Olalla Pérez Lemus e Andrea Álvarez Pino participaran no proceso de creación como axudantes de dirección e produción, respectivamente. As dúas traballaron durante catro meses coa compañía portuguesa, coñecendo e participando nos distintos aspectos que interveñen na posta en marcha dun espectáculo de danza.
O CCG estrutura ademais as súa accións de xeito transversal, aproveitando as posibilidades que cada novo traballo poden aportar ao proxecto global do Centro, tanto no plano creativo como formativo. Neste senso, Peter Michael Dietz, asistente de coreografía de Paulo Ribeiro, impartirá en decembro en Galicia un workshop dirixido a estudantes e profesionais da danza e outras artes do movemento.
Ex colaborador do Ballet Gulbenkian
Paulo Ribeiro é un profesional cunha exitosa carreira no mundo da danza. É cofundador da compañía Stridanse coa que recibiu numerosos galardóns. En 1988 comeza a colaborar coa Compañía de Danza de Lisboa e co Ballet Gulbenkian. A partir de 1991 o seu traballo como coreógrafo esténdese ao plano internacional, coa creación de obras para compañías como Nederlands Dans Theater II, Nederlans Dans Theater III, Grand Théâtre de Genève, Centre Chorégraphique de Nevers ou Ballet de Lorraine.
En 1995 fundou a compañía Paulo Ribeiro, coa que desenvolve unha linguaxe moi persoal que o levou a acadar premios como o Circulaçao Nacional e Circulaçao Internacional no concurso Mudanças de Portugal, ou o Pris d’Auteur, New Coreography Award e Prix d’Interpretation Collective no V Rencontres Chorégraphiques Internationales de Seine Saint-Denis en Francia.
Ademais do traballo coa súa compañía, Paulo Ribeiro foi director xeral e de programación do Teatro Viriato (Viseu) entre 1998 e 2003, cargo que recupera en 2005, despois de dirixir o Ballet Gulbenkian. Por estes traballos recibe o Premio Bordalo da Casa da Imprensa Portuguesa e o Premio Almada do Instituto Portugués das Artes do Espectáculo.