Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CUNHA CONFERENCIA E UN CONCERTO MAÑÁ NA EAEM

O Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher" lembra a figura de Antoni Torelló

[06/07/2006] A obra do contrabaixista catalán Antoni Torelló (1884-1959) será obxecto da conferencia mailo concerto que acollerá mañá a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia (EAEM), en Santiago de Compostela, no marco da celebración do V Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher". Esta dobre sesión, aberta ao público xeral e de entrada libre, dará comezo ás 17.00 horas co relatorio que, baixo o título O legado musical de Antonio Torelló: un contrabaixista catalán en Filadelfia, impartirán os profesores Xosé Crisanto Gándara e María Jesús Navalpotro.

A continuación, o Dúo Cordófonos –integrado por Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia, profesor da EAEM e coordinador do festival, e o pianista Alejo Amoedo– ofrecerá un concerto no que soarán obras inéditas de Antoni Torelló, quen, a pesar de desenvolver gran parte da súa carreira profesional como contrabaixo principal da Orquestra de Filadelfia (EE. UU.), é considerado o fundador da escola española de contrabaixo. Así, a partir das 19.00 horas, o Dúo Cordófonos interpretará Habanera nº1, Leonora. Fantasía para contrabaixo con variacións, Habanera nº 3 e Polka Caprice, todas elas composicións de Torelló, ademais da Elexía para contrabaixo e piano, de José Cervera, e Concerto-Fantasía. Homenaxe a Bottesini, de Pere Valls.

CONCERTOS DE ALUMNOS

O programa de actividades paralelas continuará o sábado, ás 16.00 horas, cunha charla do mestre Ferrán Sala –quen encabeza o profesorado do festival– sobre técnicas de estudo para enfrontar as obras, e os días 9 e 10, ás 18.30 horas, con senllos concertos dos 26 alumnos que están a asistir a esta quinta edición.

A EAEM, en colaboración coa AIE (Artistas, Intérpretes y Ejecutantes Sociedad de Gestión), organiza o Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher", que se desenvolve até o vindeiro luns na sede compostelá deste centro que xestiona a Consellería de Cultura e Deporte a través do IGAEM. O seu programa lectivo presenta como novidade a incorporación ao profesorado do intérprete austríaco Wolfgang Harrer, ex contrabaixista da Orquestra Sinfónica da Radio de Viena e da Orquestra de Cámara da Ópera vienesa e, na actualidade, profesor na Academia de Música de Saarbruecken (Alemaña).