Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NA INICIATIVA, QUE SE INSÍRESE NO CENTRO DE CREACIÓN DRAMÁTICA, PARTICIPAN MESTRES DESTACADOS A NIVEL EUROPEO, COMO MAXI RODRÍGUEZ, ENZO CORMANN OU ELYSE DODGSON

Un taller a cargo de Cándido Pazó abre a terceira edición do curso do CDG "Pistas para unha dramaturxia da actualidade"

[17/11/2008] O Centro de Creación Dramática do Centro Dramático Galego (CDG) inicia no Salón Teatro de Santiago a terceira edición do curso Pistas para unha dramaturxia da actualidade, cuxa dirección e coordinación asume desde os seus inicios o director, narrador e dramaturgo galego Cándido Pazó. O ciclo formativo completo ten como finalidade que os asistentes poidan crear un texto dramático ao longo dos meses nos que se realiza a actividade, de novembro a maio.

Pistas para unha dramaturxia da actualidade componse de catro obradoiros dunha semana de duración cada un, nos que, a partir da identificación e do estudo dos múltiples temas que poden definir a actualidade, serán rastrexados e experimentados os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordalos.

Un total de 12 alumnos participan desde hoxe no primeiro dos seminarios, que se desenvolverá até o venres día 21, a cargo de Cándido Pazó. Durante 15 de horas lectivas, Pazó tratará aspectos relacionados coa escolla dos temas e motivos de teatralización, dirección de conflitos e valoración dos potenciais puntos de partida.

Encontro con Angélica Lidell

A esta primeira actividade seguirá, o día 24, un encontro de tres horas de duración coa directora de escena contemporánea Angélica Liddell, onde o alumnado debaterá sobre á última montaxe da creadora, El año de Ricardo, representada durante a fin de semana previa no escenario do Salón Teatro.

Ao igual que nos dous anos anteriores, cóntase para a actual edición coa participación de importantes nomes na formación dramática a nivel europeo, como é o caso do asturiano Maxi Rodríguez, que impartirá o segundo dos obradoiros do 19 ao 23 de xaneiro. Xa en febreiro, do 23 ao 27, o mestre será o francés Enzo Cormann, responsable do departamento de escritura dramática na Escola Nacional Superior das Artes e Técnica do Espectáculo (ENSATT); e do 30 de marzo ao 2 de abril está previsto o taller da británica Elyse Dodgson (Reino Unido), directora asociada e xefa do departamento internacional do Royal Court Theatre de Londres.

Durante a súa estadía no Centro de Creación Dramática, os alumnos escribirán un texto breve que, despois de arrincar no primeiro dos seminarios, tomará forma segundo se vaian desenvolvendo os demais obradoiros. Para este fin, Cándido Pazó, como director do curso, establecerá un período de seguimento presencial e a distancia dos traballos dos alumnos, posterior á celebración de cada un dos talleres.

Ao remate do curso, o Centro Dramático Galego organizará unhas lecturas dramatizas baixo o título "Lecturas en acción" cunha selección dos textos xurdidos desta experiencia.