AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

CRISTINA DOMÍNGUEZ ANUNCIA NESTE ENCONTRO PROFESIONAL A CREACIÓN DUN SITIO WEB QUE POSICIONARÁ NA INTERNET OS TEXTOS AUTORIZADOS DOS DRAMATURGOS GALEGOS

O traballo do CDG a prol da dramaturxia actual preséntase na Muestra de Teatro de Autores Contemporáneos de Alacante

[13/11/2008] O traballo do Centro Dramático Galego (CDG) de apoio e difusión á dramaturxia que se realiza actualmente en Galicia presentouse hoxe como modelo a prol da escrita escénica actual dentro da Muestra de Teatro Español de Autores Contemporáneos, que estes días se celebra en Alacante. A directora do CDG, Cristina Domínguez Dapena, participou na sección de presentación de proxectos e publicacións da décimo sexta edición deste encontro profesional, no que se mestura a exhibición teatral cun amplo abano de actividades complementarias sobre a dramaturxia contemporánea e os seus autores.

Domínguez respondeu coa súa presenza ao convite realizado por Guillermo Heras, director da mostra, e explicou, nun acto realizado na sede do Patronato Municipal de la Cultura, as liñas que segue a compañía institucional galega canto á promoción do labor dos autores actuais, que se centran na actividade de produción e formación e se canalizan a través do seu Centro de Creación Dramática Contemporánea, do asentamento da figura dun dramaturgo residente por cada temporada e das distintas coleccións editoriais que se dotan periodicamente de novos títulos.

A directora do CDG aproveitou a oportunidade para anunciar a inminente posta en marcha dunha páxina web, accesible a todos os usuarios da internet, que verá a luz no próximo mes de decembro no dominio dramaturxiasdaactualidade.org. Este novo sitio aspira ao dobre obxectivo de ser a vía de acceso de referencia para medir o pulso da escrita dramática galega actual, e de servir de plataforma de lanzamento para os creadores.

Neste espazo virtual convivirán os textos escritos polos alumnos do curso anual Pistas para unha dramaturxia de actualidade con outras obras emblemáticas da dramaturxia galega. Tamén haberá un espazo para textos escritos en calquera lingua, así como para obras en reposición. A interfaz proporcionará acceso libre e gratuíto aos textos completos, debidamente autorizados polos autores.