AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

O CDG PROMOVE TAMÉN 2 ACCIÓNS ESCÉNICAS PROMOCIONAIS EN INSTITUTOS DO MUNICIPIO

O Teatro Municipal Área Panorámica de Tui acolle "A boa persoa de Sezuán"

[12/11/2008] O Teatro Municipal Área Panorámica de Tui acolle esta fin de semana o último espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), A boa persoa de Sezuán, versión en galego da obra de Bertolt Brecht que chega da man de Nuno Cardoso, un dos directores máis destacados da nova escena portuguesa. Esta fábula amarga sobre a busca da bondade nunha sociedade corrompida polos excesos capitalistas supón, así mesmo, a incorporación do dramaturgo alemán ao repertorio da compañía pública. En Tui, o CDG ofrecerá dúas funcións desta produción -a primeira da súa temporada 2008-2009- o venres 14, ás 21.30 horas, e o sábado 15, ás 20.30 horas.

A boa persoa de Sezuán

A nova proposta escénica do CDG, que chega a Tui grazas á colaboración mantida co Concello e co copatrocinio da Fundación Caixa Galicia, foi presentada hoxe aos medios locais nun acto no que participaron o concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez; a directora do CDG, Cristina Domínguez; o actor Hugo Torres e a actriz Mónica García.

Para a montaxe de A boa persoa de Sezuán , Nuno Cardoso contou cun equipo artístico galego-portugués do que forman parte 12 actores e actrices (Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres), así como Fernando Ribeiro (deseño do espazo escénico), José Álvaro Correia (iluminación), La Canalla (vestiario) e Víctor Hugo Pontes (axudante de dirección e movemento). Fran Pérez "Narf" foi o encargado do espazo sonoro, poñendo música ás cancións que interpreta o elenco, e Frank Meyer da tradución do texto ao galego.

Divertimento

O director portugués optou por un proceso creativo similar ao que seguiu nos seus últimos espectáculos asentados nunha coidada plasticidade e nunha esixente labor actoral que bota man de diferentes linguaxes interpretativas. O seu traballo cos actores comezou en Compostela a finais de agosto cunha primeira fase durante a que se abordou a obra de Brecht dende a interacción e as improvisacións do elenco. Elaborouse así unha linguaxe común a todo o equipo artístico a partir da que se comezou a construír o espectáculo que agora se atopa en xira por toda Galicia e a través do que Cardoso quixo recuperar o concepto de teatro como divertimento que reivindicou o dramaturgo alemán nun dos seus textos.

Bertolt Brecht escribiu A boa persoa de Sezuán no seu exilio estadounidense durante a II Guerra Mundial. Esta "obra a modo de parábola", como foi definida polo propio autor, conxuga algúns dos trazos máis característicos do teatro brechtiano para cuestionar a posibilidade de vivir xustamente nunha sociedade inxusta, nun mundo de paradoxos e extremos no que hai ricos fronte a pobres, patróns fronte traballadores.

A versión do Centro Dramático Galego sitúa o espectador nun ambiente urbano totalmente degradado, dominado polo asfalto e os omnipresentes carteis luminosos. A obra comeza coa baixada a Sezuán de tres deuses -aquí encarnados por personaxes ben recoñecibles da cultura popular contemporánea- coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, persoas boas e xustas capaces de transformar a sociedade. A primeira que descobren é a única que os acolle, Xen Te, unha prostituta á que premian financiándolle outro medio de vida: un pequeno estanco. Pero os habitantes de Sezuán non tardarán en tirar proveito das boas intencións da moza, polo que esta, abafada polo acoso, decide facerse pasar polo seu curmán imaxinario, Xui Ta, que, con enorme frialdade, expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.

Espectáculo promocional nos institutos

As localidades para as funcións do venres e sábado poden adquirirse ao prezo de 5, 7 e 9 euros na billeteira do Teatro Municipal Área Panorámica dende unha hora e media antes do comezo do espectáculo. Ademais, e co obxectivo de promocionar esta produción no marco de "Espazos CDG", programa do que forma parte o teatro tudense, o Centro Dramático Galego realizou conxuntamente coa compañía galega Pistacatro unha pequena función móbil, da que ofrecerá dous pases o venres 14 en senllos institutos da localidade: ás 10.25 horas no IES Francisco Sánchez e ás 12.25 horas no IES San Paio. Trátase dunha acción escénica duns vinte minutos de duración, realizada a partir de fragmentos da obra Ringorrango , na que se mestura novo circo, ritmo, música e humor para comunicar aos estudantes que a escena é algo próximo, divertido e sorprendentes.

Tralas funcións en Tui, a compañía pública presentará A boa persoa de Sezuán no V Festival de Teatro Clásicos do Século XX de Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 22 de novembro ás 21.00 horas) e regresará a Compostela para facer temporada na súa sede do Salón Teatro, a partir do 26 de novembro. Para o desenvolvemento desta xira, conta coa colaboración da Fundación Caixa Galicia que, en virtude do convenio asinado coa AGADIC, achega 300.000 euros para a distribución dos espectáculos producidos este ano tanto polo Centro Dramático Galego como polo Centro Coreográfico Galego.

Documentación