Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O VOLUME DE CONTRATACIÓN REXISTRADO A PARTIR DO EVENTO ORGANIZADO POLA AGADIC AUMENTA UN 81 POR CENTO RESPECTO Á PASADA EDICIÓN

A Feira das Artes Escénicas posibilita 143 funcións de 20 espectáculos galegos en 26 cidades de España e Portugal

[05/11/2008] As Comunidades autónomas de Valencia, Madrid, Andalucía, Castela e León, Castela-A Mancha, Murcia, Euscadi, Aragón e Cataluña e as localidades portuguesas de Estarreja, Moita e Porto programarán nos vindeiros meses un total de 143 funcións de teatro e danza galegas, a raíz dos contratos pechados con motivo da Feira Galega das Artes Escénicas 2008.

Organizada pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellaría de Cultura e Deporte, a Feira deste ano, que se desenvolveu do 13 ao 17 de outubro en Santiago de Compostela, presenta un balance moi positivo, xa que supuxo un aumento de máis do 80 por cento nas transaccións respecto á edición de 2007, o que posibilitará a exhibición en 26 cidades de España e Portugal de 20 espectáculos (16 de teatro e 4 de danza) producidos por 18 compañías galegas.

As compañías e montaxes que accederán por esta vía a escenarios, programacións, festivais e redes escénicas de fóra de Galicia son Acontrabutaca con 13 funcións de Robin Hood, Artello Teatro Alla Scala 1:5 con 6 de Pulgarcito, BStudio con 1 de Sono Silente, Berrobambán con 12 de Boas noites, Carlos Blanco-Abada con 2 de Africanízate, Entremáns con 11 funcións (9 de Vén e outras 2 de El buey solo bien se lame), Galitoon Productions con 2 de Golulá, Matarile Teatro con 12 de Animales artificiales, Nova Galega de Danza con 12 de Tradicción, PT Excéntricas con 4 de No coment (Obra), Sarabela Teatro con 2 de Dáme veneno, Talía Teatro con 2 de ¿Y tú quién eres?, Teatro D2 con 2 de Flores migratorias, Teatro de Ningures con 2 de Bailadela da morte ditosa, Teatro do Atlántico con 1 de Unha primavera para Aldara, Teatro do Morcego con 50 funcións (26 de O club da calceta e outras 24 de Os patios da memoria), Teatro do Noroeste con 2 de Extrarradios e Trompicallo con 6 funcións de Bolboreta.

Aumento cualitativo

A mellora nos resultados da Feira non só atende ao número absoluto de funcións contratadas, senón tamén a unha maior variedade dos espectáculos escollidos. Así, as entidades do resto do Estado e de Portugal asinantes dos contratos levarán aos seus respectivos públicos unha máis ampla panorámica da produción galega en comparación con anos anteriores, no tocante a xéneros, estilos e mesmo formatos. Cómpre salientar neste apartado aspectos como a saída ao exterior de 4 espectáculos diferentes de danza e a inclusión nas contratacións dun número sensiblemente superior do teatro de actor para adultos e de obras de amplos elencos.

Canto á distribución en Galicia, á cifra de contratación exterior haberá que engadir as representacións concertadas cos programadores galegos asistentes, que se materializarán fundamentalmente nos calendarios da actividade de 2009 dos máis de 40 espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas.

O positivo resultado acadado supón tamén a consolidación da política de bonificacións posta en marcha hai dous anos e potenciada pola AGADIC nesta última edición, de xeito que os contratantes puideron beneficiarse de vantaxosas condicións económicas para as operacións asinadas entre o 13 e o 30 de outubro, nunha oferta extensiva a toda a produción escénica actual.

Primeira Feira da AGADIC

A de 2008 foi a primeira Feira organizada pola AGADIC, o novo organismo creado pola Consellaría de Cultura e Deporte para a dinamización exterior dos produtos culturais galegos, o que redundou en distintas melloras na xestión xeral do encontro e, en concreto, no cambio de situación da súa sede central e dos expositores comerciais.

Ao peche da Feira, as asociacións profesionais representadas nesta zona de mercado, instalada no Auditorio de Galicia, valoraron a conveniencia dos cambios materializados nesta décimo sexta Feira, canto á concentración dunha gran parte da actividade arredor da súa sede central e á potenciación do perfil profesional do evento.

A Feira Galega das Artes Escénicas exhibiu durante 5 días de celebración un total de 25 espectáculos (14 de teatro para adultos, 8 de teatro para público infantil e 3 de danza) en 6 espazos escénicos da cidade, e contou coa presenza de máis 140 programadores e xestores culturais chegados de toda a Península.

Documentación