Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPAZO COMPOSTELÁN ACOLLE ESTE XOVES A PARTIR DAS 18.00 H. UNHA MOSTRA AO PÚBLICO DO TRABALLO ANUAL DESENVOLVIDO POR CREADORES GALEGOS E A PLATAFORMA KÒNIC THTR

Finaliza o curso do CDG "A escena aumentada: Galicia" cunha xornada de portas abertas no Salón Teatro

[04/11/2008] O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) acolle este xoves día 6, a partir das 18.00 horas, unha xornada de portas abertas como clausura do curso A escena aumentada: Galicia, impartido pola coruñesa afincada en Barcelona Rosa Sánchez e o francés Alain Baumann, creadores e impulsores da plataforma artística Kònic Thtr. Despois dun ano estudando a relación da escritura escénica coas linguaxes audiovisuais e buscando a relación entre movemento, palabra, vídeo, son e datos dixitais xestionados en escena a tempo real, alumnos e mestres amosarán o seu traballo ao público no Salón Teatro de Santiago.

Un total de 12 alumnos, na súa meirande parte profesionais das artes escénicas en Galicia, veñen participando desde novembro de 2007 neste laboratorio de investigación, desenvolvemento e innovación que pretende a consecución de ferramentas que incorporen sensores sen fíos, visión computerizada e software intelixente, de xeito que poidan ser aplicadas na escritura escénica e coreográfica contemporáneas.

A realización do curso A escena aumentada: Galicia contou coa colaboración do Centro Coreográfico Galego, da Vicerreitoría de Extensión Cultural da Universidade de Santiago e da Consellaría de Innovación e Industria. O seu principal obxectivo consistiu en formar aos nosos creadores para unha óptima aplicación das novas tecnoloxías e para (xunto cos tecnólogos interesados nas artes escénicas) a creación de dispositivos específicos -tanto software como hardware- para as súas narrativas.

Durante todo este primeiro ano desenvolvéronse catro encontros cos alumnos participantes; o primeiro do 5 ao 16 de novembro; o segundo do 3 ao 8 marzo,o terceiro, do 10 ao 15 xuño; e o cuarto e último durante esta mesma semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela.