[04/11/2008] A AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) mantén aberto até o próximo 4 de decembro o prazo de presentación de instancias para participar no novo programa Artistas en Residencia, correspondente á temporada 2008-2009, que será xestionado a través das súas unidades de produción: o Centro Dramático Galego (CDG) e o Centro Coreográfico Galego (CCG). O programa supón o apoio os artistas ou colectivos artísticos que desexen desenvolver un proxecto de investigación ou de creación nos ámbitos do teatro, escrita teatral, circo, danza e outras artes do movemento; ou os artistas que, desde outras disciplinas, traballen coa danza, o teatro e o circo como referencia.
Para o CCG, o proxecto dota de continuidade a unha iniciativa que xa se levou a cabo nas dúas temporadas precedentes como complemento á súa liña de apoio á creación coreográfica, en tanto que para o CDG esta será a primeira vez que se incorpore este tipo de convocatoria ás súas políticas de asistencia teatral.
O programa está destinado a creadores individuais ou colectivos que precisen espazo e tempo para realizar un traballo tanto de investigación como de creación. Deberán cumprir os requisitos que se especifican na convocatoria e enviar toda a documentación solicitada en tempo e forma. Serán un máximo de 15 os beneficiarios, que recibirán unha dotación de entre 5.000 e 1.000 euros por proxecto, ademais dun acompañamento na produción e na creación e un apoio técnico.
Establécense 2 tipos de residencias: unha primeira coa finalidade de realizar un proxecto artístico, de 5 semanas de duración; e unha segundo para residencia-laboratorio, de 4 semanas. Os artistas están obrigados a desenvolver algunha acción formativa relacionada co proxecto da residencia, que pode estar dirixida tanto a profesionais como á cidadanía en xeral. Así mesmo, deberán exhibir o traballo realizado nunha mostra aberta.