AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

DESENVOLVERANSE DÚAS FUNCIÓNS DE "NOU I_D", ESPECTÁCULO CREADO E DIRIXIDO POR ROSA SÁNCHEZ, O SÁBADO 1 DE NOVEMBRO ÁS 20.30 H E O DOMINGO 2 ÁS 18.00 H

A plataforma artística Kònic Thtr. amosa no Salón Teatro unha ópera electrónica e interactiva para danza e voz

[30/10/2008] A plataforma artística catalá Kònic Thtr. porá en escena esta fin de semana no Salón Teatro de Compostela Nou I_D, unha ópera electrónica e interactiva para danza e voz da que ofrecerá dúas funcións, o sábado 1 ás 20.30 horas e o domingo 2 ás 18.00 horas. Estreado no Teatre Mercat de les Flors de Barcelona, trátase dun espectáculo experimental e anovador que se basea no diálogo entre cinco intérpretes e un espazo escénico equipado coa máis sofisticada tecnoloxía.

"Nou I_D", de Kònic Thtr.

Nou I_D constituíuse a partir da análise e aplicación de sistemas multimedia que codifican o xesto humano a tempo real en expresión sonora e visual, tendo en conta o xeito en que a mediación entre o corpo e o ordenador establece novos patróns de comunicación. As personalidades creativas de Kònic Thtr. -a coruñesa afincada en Barcelona Rosa Sánchez e o francés Alain Baumann- concibiron a dramaturxia do espectáculo como plurinarrativa, unha mestura de linguaxes musical, coreográfico, textual e multimedia. Todas estas linguaxes propician o diálogo continuo entre as accións realizadas polos intérpretes e, a súa vez, a análise e interpretación destas accións é posible grazas a un sistema tecnolóxico de hardware e software, o dispositivo intelixente "Terra i Vida", que permite a interacción entre danza, voz, son, vídeo e infografía 3D.

Cidade imaxinaria

Nou I_D fala de persoas en mobilidade continua, desprazados que viven de forma provisional, xentes en busca de novas oportunidades que, para conseguir achegarse ao seu soño, han de perder o seu pasado e adoptar novas identidades. O seu soño chámase Miticland, unha cidade imaxinaria na que un dos personaxes quere entrar mentres que outro tenta fuxir. Son dous personaxes femininos que, xunto cos habitantes de Miticland, convértense na información que flúe polas súas arterias tecnolóxicas. A coreografía da peza está pensada para unha escena aumentada onde o baile e o movemento serven de inputs para o dispositivo tecnolóxico.

Sobre o escenario, os corpos teñen o seu eco dixital nas pantallas de proxección e no son. Unha voz cantada conduce ao espectador a través de diferentes situacións e reflicte os pensamentos e emocións dos personaxes. A música oscila entre un plano abstracto da vida cotiá urbana e a emoción que transmite a voz cantada, que descobre as rupturas expresivas que senten os personaxes nese contorno. A composición sonora realízase en directo a partir de pezas pregravadas remesturadas en directo e células musicais abertas coas que os intérpretes interactúan, conseguindo así unha interpretación do universo sonoro flexible e distinto en cada actuación.

Este espectáculo foi creado e dirixido por Rosa Sánchez, quen tamén forma parte da interpretación xunto ás bailarinas Olatz de Andrés e Masu Fajardo, en tanto que Alain Baumann asume a composición e a interpretación da música en directo así como o deseño e a dirección dos sistemas de comunicación interactivos. Outros nomes importantes para a materialización desta obra son Mario Ruiz no control dos sistemas a tempo real e María Muñoz-Malpelo como asesora coreográfica, ademais dun equipo humano interdisciplinar procedente de diversos ámbitos: a música, a arquitectura, as ciencias computacionais, a infografía, o vídeo, a coreografía, a interpretación, a dramaturxia ou a dirección escénica.

Pioneiros en instalacións e performances intermedia

Desde a súa creación a principios dos anos noventa, a plataforma artística Kònic Thtr. conta cunha longa traxectoria profesional dedicada á creación contemporánea na confluencia de arte, ciencia e novas tecnoloxías. De feito, a prensa especializada recoñécea como un colectivo pioneiro na presentación de instalacións e performances intermedia na escena internacional e como expertos na creación de proxectos artísticos que incorporan sistemas de tempo real: proxectos expositivos e escénicos que implican na súa realización ás tecnoloxías interactivas, as linguaxes audiovisuais e multimedia, a música, a performance ou a danza.

As formacións de Rosa Sánchez (artista multidisciplinar e multimedia, performer e coreógrafa) e de Alain Baumann (músico, artista multimedia e investigador de novos sistemas para producir son) fan posible o carácter multidisciplinar dos seus proxectos, que abranguen, ademais de performances, instalacións plásticas e escenografías. A súa traxectoria vén avalada pola participación en numerosos festivais e eventos multimedia, en espazos tan prestixiosos como o Institute of Contemporary Arts (ICA) de Londres, o Centro Nacional de las Artes de México DF ou o Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona (MACBA).

As entradas para as representacións de Nou I_D poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es.