Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PROXECTO FOI PRESENTADO POR ÁNXELA BUGALLO

A Consellería de Cultura crea un centro coreográfico para o desenvolvemento da danza no sector e na cidadanía

[05/07/2006] A Consellería de Cultura e Deporte vén de sentar as bases para a posta en funcionamento en Galicia dun centro coreográfico de nova creación, que realice o labor de vertebración profesional do sector que se adica actualmente á danza, ademais de servir como instrumento para a formación e a difusión deste eido artístico entre toda a cidadanía.

Presentación do proxecto de centro coreográfico

A nova entidade incardinarase na estrutura orgánica do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) como unidade adscrita, terá a súa sede na Coruña e desenvolverá funcións tanto de produción de espectáculos -mediante a participación de artistas e elencos de distintos estilos- como de promoción da danza a todos os niveis. Todo o proceso de creación do proxecto está a desenvolverse en constante interlocución co sector da danza en Galiza.

Para a súa coordinación, o Consello Reitor do IGAEM nomeou a Natalia Balseiro, técnico e asesora de Cultura do concello de San Sadurniño entre 1999 e 2004, e até agora responsable da Área de Proxectos da Red Nacional de Teatros, Auditorios e Circuítos de Titularidade Pública. Balseiro, que ten participado nos últimos anos na xestión de eventos e foros de difusión de artes escéncias como a Feira do Teatro de Galicia ou o Escenium, asume a súa nova tarefa coa perspectiva de materializar o punto de encontro primordial da danza en Galicia e un centro de referencia para todo o noroeste peninsular.

OBXECTIVOS XERAIS

Destacan entre os obxectivos xerais do proxecto o artellamento dun sistema mixto de producións propias co apoio ás compañías privadas mediante a posta a disposición de todos os recursos dispoñibles, a creación de dinámicas que favorezan o intercambio entre profesionais, o incremento da presenza social da danza a través da programación de accións pedagóxicas específicas e a contribución á exhibición, distribución e produción de espectáculos coreográficos.

Canda ao proceso aberto de organización e dotación interna, o centro coreográfico levará a cabo a factura do seu seu primeiro espectáculo, que terá deseño e dirección da bailarina e coreógrafa ourensá Maruxa Salas, titular da compañía Neodans e depositaria dunha sólida formación e dunha ampla traxectoria profesional coa que acadou distintos premios nacionais e internacionais, entre eles o galardón ao intérprete máis destacado na pasada edición do Certame Coreográfico de Galicia.

Para este espectáculo inaugural, que se prevé sexa estreado en decembro, Salas conta xa cun elenco de 10 bailarinas e 5 bailaríns seleccionados nas audicións celebradas o pasado 15 de xuño.

A primeiros de setembro iniciará os ensaios con esta nova compañía para dar forma a un traballo coreográfico multidisciplinar dentro dun espazo creativo no que a danza dialogará coa música, o vestiario e as artes visuais en escena. Con todos estes elementos, a coreógrafa abordará o tema da natureza galega e o seu posible deterioro dun xeito metafórico, reivindicativo, e á vez, alentador desde un estilo coreográfico actual e persoal, que ela mesma descrebe como de "desestruturación da danza clásica".

Maruxa Salas será, pois, a responsable artística da proposta escénica coa que principiará un novo camiño, aberto e plural, canto ao xeito de producir danza en Galiza desde a Administración pública, e no que cada ano se estrearán novas producións nas que terán cabida estilos que van desde a danza contemporánea até a revisión do baile tradicional pasando por todo o abano de novas tendencias.