[16/10/2008] A Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebra en Compostela desde o pasado 13 de outubro, chega mañá ao seu remate cun programa especial de peche que inclúe o espectáculo O silenciador do grupo portugués Teatro da Oficina e unha festa-concerto a cargo de Padel Rock na Sala Capitol. As novas propostas das compañías galegas CaChuzo, Nova Galega de Danza, Katarsis, Teatro do Morcego e Teatro de Ningures conforman, ademais, o cartel de exhibición desta derradeira xornada do encontro organizado pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellaría de Cultura, no que participan máis de 140 programadores e axentes culturais chegados de toda a Península.
Tamén mañá terá lugar o último dos catro showcases de danza - Días de pimienta , de Javier Martín- e pechará as súas portas a zona de mercado onde están instalados 16 stands a cargo de institucións (o Goberno vasco, en calidade de comunidade autónoma convidada nesta edición), asociacións profesionais (Asociación Magos Profesionais de Galicia, Escena Galega e Federación de Libreiros de Galicia) e empresas escénicas (Artesán Teatro, CaChuzo Teatro, Caramuxo Teatro, Compañía Femme Fatale, Eme2, Espello Cóncavo, La Imagina Machina, Os Monicreques de Kukas, Pistacatro, Talía Teatro, Teatro Galileo e Títeres Cachirulo).
Opinión profesional
As asociacións representadas nesta zona comercial, instalada na sede do Auditorio de Galicia, valoraron a conveniencia dos cambios introducidos nesta décimo sexta edición da Feira, a primeira organizada desde a nova AGADIC, canto á centralización dunha gran parte da actividade arredor da sede central e á potenciación do perfil profesional e das bonificacións á contratación exterior.
Celso Parada, presidente da asociación de compañías Escena Galega, destacou como "o mello acerto" da Feira deste ano a elección do Auditorio de Galicia como espazo e a concentración de actividades arredor seu, o que permitiu a convivencia dos programadores coas compañías e as empresas. Cualificou ademais de "positiva" tanto a presenza corporativa na zona de mercado como a comunicación que se estableceu entre programadores e empresas representadas, extremo ao que aludiu como "o camiño a seguir no futuro".
O presidente da Asociación Magos Profesionais de Galicia, Antón López Rivas, botou man do argot máxico para cualificar de "sorprendentes" as novidades desta edición. A procura dun maior dinamismo e comodidade para os asistentes coa instalación da sede central no Auditorio de Galicia, así como o coidado aspecto estético, son para el os pasos axeitados para potenciar a zona de mercado, que agarda que se traduzan nun aumento das contratacións formalizadas durante a Feira.
Pola súa banda, o coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández Maira, describiu a que é a súa primeira experiencia na Feira Galega das Artes Escénicas como unha moi interesante toma de contacto dos libreiros cun ambiente feiral que até o de agora lles era alleo. A representación da Federación na zona de mercado, a través do stand da libraría Ler Librarías de Santa Comba, insírese dentro da súa intención de prestar unha maior atención á creación dramática como xénero literario, tentando superar a súa percepción minoritaria, obxectivo que xa están a trasladar ás feiras organizadas dende a propia entidade.
Derradeiro cartel
CaChuzo abre esta derradeira xornada de funcións da Feira Galega das Artes Escénicas 2008, ás 10.30 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, con Game over , un espectáculo para público infantil escrito e dirixido por Carlos Losada, quen en 2007 obtivo o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil con este texto. Tamén no Auditorio de Galicia, ás 12.00 horas, Nova Galega de Danza presentará Tradicción , a terceira das propostas coreográficas no cartel de exhibición da feira. Xa na xornada vespertina, Katarsis Educación-Teatro porá en escena outra montaxe pensada para os máis cativos, Pacama , ás 16.00 horas na ARTeria Noroeste; Teatro do Morcego representará O club da calceta ás 17.30 na Sala Nasa, e Teatro de Ningures, Bailadela da morte ditosa ás 20.00 horas no Salón Teatro.
Canto ao programa especial de peche de Feira, o Teatro Galán acollerá a función de Teatro Oficina ás 22.30 horas e a festa-concerto dará comezo na Sala Capital a partir das 12 da noite.
Os espectadores non acreditados poden acceder á exhibición de espectáculos, sempre en función das localidades finalmente dispoñíbeis en cada unha das representacións. As entradas son gratuítas e poden retirarse nos despachos de billetes dos respectivos espazos, dende media hora antes do inicio de cada montaxe.