[15/10/2008] A pedagoga e investigadora especializada en danza Esther Vendrell incidiu hoxe na necesidade de reforzar a profesionalización das tarefas de xestión e de produción en torno ao proceso de creación coreográfica durante a súa intervención na mesa redonda "Danza a escena", celebrada no marco da Feira Galega das Artes Escénicas 2008 que se desenvolve até o vindeiro 17 de outubro en Compostela.
O debate, no que tamén participaron Gonzalo Centeno, programador do Teatro de Barakaldo (Euscadi), e Paulo Rodríguez, director-xerente do Auditorio de Galicia, foi unha das actividades paralelas complementarias ao amplo cartel de exhibición desta décimo sexta edición da Feira, a primeira organizada desde a nova AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellaría de Cultura e Deporte.
Os relatores coincidiron en sinalar a falta de especialización e de recursos humanos na xestión cultural como un dos principais atrancos do sector da danza á hora de atopar o seu lugar nas programacións habituais dos teatros e auditorios e de difundir o seu traballo. Para Vendrell, quen compaxina a súa tarefa pedagóxica no ámbito teórico e práctico da danza con proxectos de investigación e publicacións así como proxectos puntuais de xestión, é fundamental enfrontar un traballo transversal entre os diferentes axentes implicados (artistas, programadores, produtores, etc.) na procura de sistemas de apoio á danza que se adapten á nova etapa que está a vivir o sector en todo o Estado, cun numero cada vez maior de compañías para as que "resulta relativamente doado darse a coñecer, difícil establecerse e titánico manterse e consolidarse".
Gonzalo Centeno, pola súa banda, fixo fincapé na coordinación entre os espazos escénicos dun mesmo contorno como mellor fórmula para rendabilizar esforzos, avogando polo papel que xogan as diferentes redes de teatros e auditorios no apoio ao traballo dos programadores. Tanto Centeno, membro da Comisión de Teatro e Danza da Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública, da que foi presidente, como Paulo Rodríguez puxeron en común cos asistentes a súa experiencia respecto da programación de danza nos seus respectivos escenarios. A mesa, que estivo aberta a todos os profesionais inscritos na Feira Galega das Artes Escénicas, contou así mesmo coa participación de Ana Barba Pazos, programadora do Auditorio Municipal das Pontes, como moderadora do debate.
A danza tamén foi protagonista esta mañá dunha mesa de traballo dirixida a profesionais das artes do movemento e na que, baixo o título "Recursos para a danza", interviñeron como relatores Tracy Sirés Neal, directora da Asociación de Profesionais da Danza de Cataluña; Robero Taboada, coordinador do Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo ALT.08; e David Márquez, presidente da Asociación de Compañías Profesionais de Danza de Cataluña.
Reunión profesional
A xornada de mañá, penúltima da Feira Galega das Artes Escénicas 2008, dará comezo ás 10.00 horas con outro encontro profesional no que participarán os integrantes da Coordinadora de Feiras de Artes Escénicas do Estado Español (COFAE) e os distribuidores congregados en Compostela. Esta reunión forma parte do programa de actividades paralelas, no que tamén se insire un showcase de danza no que a bailarina e coreógrafa Carlota Pérez e o guitarrista Pablo Rodríguez presentarán a peza Mejor solos que mal acompañados (12.00 h no adro da ARTeria Noreoeste-SGAE).
Canto ao programa de exhibición, a primeira das funcións correrá a cargo da compañía vasca Marie de Jongh, que chega a Galicia co espectáculo para público infantil ¿Por qué lloras, Marie? (10.30 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia). A continuación, Títeres Cachirulo escenificará Típico tópico (12.30 h na ARTeria Noroeste).
Catro formacións galegas completan o cartel artístico de mañá: Os Monicreques de Kukas porán en escena 7 contos capitais, un espectáculo de títeres pensado para público adulto, ás 16.00 horas na Sala Nasa; a compañía de danza BStudio estreará a produción Sono silente ás 18.00 horas no Teatro Galán; Sarabela Teatro actuará ás 20.30 horas no Teatro Principal con Dáme veleno; e Lagarta Lagarta, ás 23.30 horas no Salón Teatro con Aeroplanos.