Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NAVARRO DE LUIS APUNTOU FÓRMULAS COMO A DA RESPONSABILIDADE COMPARTIDA ENTRE TEATROS E COMPAÑÍAS

Expertos en xestión de públicos avogan polas estratexias diferenciadas para captar espectadores

[14/10/2008] Especialistas en xestión de públicos debateron hoxe en Santiago de Compostela sobre a creación de espectadores e achegaron distintas estratexias a seguir para dotar aos espazos escénicos de maior implantación social. A XVI Feira Galega das Artes Escénicas, que organizada pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura se desenvolve na cidade até o próximo 17 de outubro, acolleu unha mesa redonda sobre este asunto como actividade complementaria á ampla carteleira artística, e coa finalidade de achegar e compartir cos profesionais participantes as claves sobre o que se considera un dos principais traballos cotiás dos axentes culturais.

Detalle cartel Feira 2008

No debate, aberto a todos os asistentes, participaron Grego Navarro de Luis, licenciada en Estudos Europeos pola Universidade de North London (Inglaterra) e máster en Xestión Cultural Europea na Universidade de Warwick coa especialidade en xestión de públicos; Ze Rui, director artístico do Trigo Limpo Teatro Acert (Tondela, Portugal); Agustín Lorenzo, programador do Teatro Rosalía Castro da Coruña; e Miguel Varela Gorgojo, programador do Teatro Bergidum de Ponferrada. Como moderador exerceu Miguel Alfaya, programador do Auditorio Municipal de Tui.

Os relatores puxeron en común distintas experiencias e políticas desenvolvidas nos seus respectivos centros habituais de traballo para a consecución e fidelización de públicos, así como os resultados obtidos segundo os casos. Todos coincidiron en sinalar a importancia das estratexias diferenciadas para cada tipo de público (en razón de idade, nivel sociocultural, grupo profesional, etc) así como a obrigatoriedade de acadar mecanismos de relación fluídos entre cada espazo escénico e a comunidade xeográfica e humana máis directa na que se ubica.

Desfase respecto ás infraestruturas

Grego Navarro, que leva varios anos traballando en espazos culturais europeos, advertiu o desfase existente na actualidade entre o elevado desenvolvemento das infraestruturas e os proxectos artísticos e o escaso grao por parte de moitas organizacións na atención aos públicos, área á que se referiu como unha mestura entre comunicación, marketing, relacións públicas e animación sociocultural. Neste sentido, aludiu ao papel do xestor cultural como mediador entre a creación e a recepción e á necesidade de definir procederes non improvisados, froito dun proceso de reflexión, planificación, estratexia, recursos, observación e evaluación.

Navarro de Luis apuntou como clave que, aplicado á programación de artes escénicas, o concepto "para todo o mundo" está hoxe en día obsoleto, así como a necesariedade de identificar sempre "un para quen?" concreto. Enunciou fórmulas a desenvolver, como unha reponsabilidade compartida entre os teatros e as compañías, o rastrexo estratéxico da publicidade emitida e, sobre todo, o coñecemento previo dos distintos públicos para dirixirse a eles de xeito específico, así como das vantaxes de dotar de persoal especializado na xestión de públicos aos distintos espazos.

Protagonismo da danza

O cartel artístico da Feira Galega das Artes Escénicas continuará mañá día 15 cos espectáculos Boas Noites , de Berrobambán (10:30, Auditorio de Galicia); Polgariño , a cargo de Artello Teatro (12:30, ARTeria Noroeste-SGAE); PeriFeria , da compañía Voadora (19:00, Sala Nasa), E ti, quen vés sendo , por Talía Teatro (21:00 Teatro Principal) e Unha primavera para Aldara , último espectáculo de Teatro do Atlántico (Salón Teatro, 23:30 h).

Canto ás actividades paralelas previstas para o mércores, a danza terá un protagonismo especial xa que a xornada comezará cunha mesa de traballo para profesionais sobre "Recursos para a danza", ás 12:00 h a bailarina Anuska Alonso protagonizará o showcase 5.00 a.m. e xa pola tarde, ás 16:00 h no Auditorio de Galicia, celebrarase a mesa de debate "Danza a escena" na que participarán Esther Vendrell, Gonzalo Centeno, Paulo Rodríguez e Ana Barba.