[11/10/2008] Un total de 144 programadores, distribuidores e produtores do sector escénico procedentes de diferentes puntos da península daranse cita a partir do vindeiro luns en Compostela para asistir á Feira Galega das Artes Escénicas 2008, que se desenvolverá até o venres 17 en seis espazos da cidade. O programa desta edición, a primeira organizada dende a nova AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), combina un cartel artístico de 25 espectáculos -14 de teatro para adultos, 8 de teatro para público infantil e 3 de danza- cun amplo abano de actividades paralelas como showcases de danza, dúas mesas de debate sobre distintos aspectos do sector e varias reunións internas.
A Feira 2008 busca destacar o seu perfil profesional, favorecendo a contratación de espectáculos galegos para a súa distribución fóra de Galicia durante 2009 a través do programa de bonificacións, e potenciando a zona de mercado que quedará instalada na sede central do Auditorio de Galicia. Neste mesmo espazo terá lugar o luns 13, a partir das 11.00 horas, o acto inaugural no transcurso do que se darán a coñecer, asemade, os nomes dos gañadores dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde, convocados pola AGADIC.
Actividade centralizada
Ademais da zona de mercado integrada por 16 stands a cargo de institucións, asociacións profesionais e empresas escénicas, durante os cinco días que dura o evento o Auditorio de Galicia acollerá así mesmo a oficina de coordinación, dúas mesas de debate ("Creación de públicos", o martes 14 de outubro; e "Danza a escena", o mércores 15), un dos escenarios de exhibición e o restaurante.
Xunto co Auditorio de Galicia, ARTeria Noroeste (sede da SGAE en Galicia) incorpórase este ano á listaxe de espazos de exhibición da Feira Galega das Artes Escénicas, que completan a Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán e Teatro Principal.
Os 144 profesionais inscritos na Feira (97 galegos, 37 do resto do Estado e 10 portugueses) disporán dunha credencial informatizada que lles dará acceso tanto aos espectáculos como ao resto das actividades feirais. O público xeral, pola súa banda, terá acceso gratuíto ás representacións do programa de exhibición en función do aforo dispoñible en cada caso.
Primeira xornada
A compañía galega Teatro Galileo será a encargada de abrir este cartel artístico co seu espectáculo Náugrafos, dirixido por Pedro Rubín a partir da obra de André Roussin, que representará o luns 13, ás 16.00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Nesta xornada inaugural presentaranse igualmente as montaxes Novecientos. O pianista do océano do grupo portugués Peripecia (18.00 h no Teatro Galán), Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) de Teatro do Noroeste (20.00 h no Teatro Principal), e Animales artificiales de Matarile Teatro (23.30 h. no Salón Teatro).
En total, o programa de exhibición da Feira Galega das Artes Escénicas 2008 ofrecerá 25 espectáculos, dos que 20 corresponden a compañías galegas, 3 proceden de Portugal e 2 de Euscadi, comunidade autónoma convidada nesta edición.
Pola súa banda, o programa de actividades paralelas inclúe catro showcases de danza, que se desenvolverán a partir do martes no adro da ARTeria-Noroeste co obxectivo de achegar aos programadores asistentes unha mostra do traballo que realizan diferentes artistas emerxentes da escena coreográfica galega: Alexis Fernández e Caterina Varela, Anuska Alonso, Carlota Pérez e Javier Martín.
Ademais, e como peche especial, o Teatro Galán acollerá o venres unha función do espectáculo O silenciador, da compañía portuguesa Teatro da Oficina, mentres que a Sala Capitol será o escenario para unha festa-concerto fin de Feira a cargo de La Sonora Callejera.