[09/10/2008] A Axencia Galega das Industrias Culturais e a d’Orfeu Associação Cultural de Portugal estableceron un acordo para o intercambio de grupos galegos e portugueses entre a Rede Galega de Música ao Vivo e o circuíto musical OuTonalidades, que a devandita asociación promove dende hai 12 anos no país veciño.
Esta primeira edición do acordo materialízase na realización dun total de 36 concertos: 21 de 6 grupos portugueses (João Gentil e Luis Formiga, Mú, Q. Sofia Ribeiro, Rui Pedro, Toques do Caramulo e Uxu Kalhus) en Galicia e 15 actuacións de 5 grupos galegos (Bukowski Blues Trío, Carlos López Quartet, Moondogs Blues Party, Niño & Pistola e A Tuna Rastafari) en Portugal, nun circuíto total integrado por 19 salas (12 en Portugal e 7 en Galicia).
En Portugal, a programación dá comezo mañá, venres 10 de outubro, co concerto de A Tuna Rastafari no Espaço d’Orfeu de Águeda e clausurarase simultaneamente o 20 de decembro en Águeda e na Casa da Eira de Paços de Ferreira, despois de ter visitado tamén o Novo Ciclo Acert de Tondela, o Centro Cultural de Chaves, o Cine-Teatro de Estarreja e a Casa da Moagem de Fundão.
Pola súa banda, o programa galego principia o vindeiro 17 de outubro coa actuación de Rui Pedro na Sala Clandestino de Nigrán. O cartel esténdese até o 30 de novembro por sete espazos da Rede Galega de Música ao Vivo, que a AGADIC promove en colaboración coa asociación Clubtura: ademais da Clandestino de Nigrán, a Sala Roi Xordo de Allariz, Aturuxo de Bueu, Clavicémbalo de Lugo, o Náutico do Grove, Pub Gatos de Melide e Run Rum de Ferrol.