Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 25 COMPAÑÍAS DE TEATRO E DANZA AMOSARÁN OS SEUS ESPECTÁCULOS DO 13 AO 17 DE OUTUBRO EN SEIS ESPAZOS DE COMPOSTELA

A AGADIC organiza a edición da Feira Galega das Artes Escénicas co maior perfil profesional

[08/10/2008] Un total de 25 espectáculos -14 de teatro para adultos, 8 de teatro para público infantil e 3 de danza- conforman o cartel artístico da Feira Galega das Artes Escénicas 2008, que se desenvolverá do 13 ao 17 de outubro en seis espazos de Santiago de Compostela. Esta é a primeira edición da Feira que se organiza desde a nova AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Deporte, o que redundará nun maior perfil profesional do evento mediante a incorporación de novas fórmulas de encontro tanto cos axentes culturais coma co público.

Feira Galega das Artes Escénicas 08

Máis de 140 programadores, distribuidores e produtores do sector escénico procedentes de diferentes puntos da península están acreditados para asistir ao amplo abano de actividades previstas, nas que este ano se inclúen por vez primeira showcases de danza, dúas mesas de debate sobre distintos aspectos do sector e varias reunións internas. Xunto coa asistencia aos espectáculos, unha credencial informatizada dará acceso igualmente ao resto das actividades da Feira, que traslada a súa sede central ao Auditorio de Galicia, espazo que acollerá unha potenciada zona de mercado e no que se levarán a cabo as contratacións de espectáculos bonificadas.

Zona de mercado

No Auditorio de Galicia quedarán ubicadas a oficina de coordinación, dúas mesas de debate, un dos escenarios de exhibición, o restaurante e unha zona de mercado integrada por 16 stands a cargo de institucións (o Goberno vasco, en calidade de Comunidade autónoma convidada nesta edición), asociacións profesionais (Asociación Magos Profesionais de Galicia, Escena Galega, Federación de Libreiros de Galicia) e empresas escénicas (Artesán Teatro, CaChuzo Teatro, Caramuxo Teatro, Compañía Femme Fatale, Eme2, Espello Cóncavo, Teatro do Morcego, Os Monicreques de Kukas, Pistacatro, Talía Teatro, Teatro Galileo e Títeres Cachirulo).

Canto ás mesas de debate, a primeira delas celebrarase o 14 de outubro baixo o título "Creación de públicos", para o que se contará coas intervencións como relatores de Grego Navarro de Luis, especialista en xestión de públicos pola Universidade de Warwik (Reino Unido); Ze Rui, director artístico de Trigo Limpo Teatro Acert (Tondela, Portugal); Agustín Lorenzo, programador do Teatro Rosalía Castro da Coruña; e Miguel Varela Gorgojo, programador do Teatro Bergidum de Ponferrada. Miguel Alfaya, programador do Teatro Municipal Área Panorámica de Tui será o encargado de moderar esta primeira mesa, mentres que Ana Barba, programadora do Auditorio das Pontes, será a moderadora da segunda, "Danza a escena", que terá lugar o día 15. Neste caso, os relatores serán Esther Vendrell, pedagoga e investigadora; Gonzalo Centeno, programador do Teatro de Barakaldo; e Pablo Rodríguez, director-xerente do Auditorio de Galicia.

Unha vintena de espectáculos galegos

Dos espectáculos que conforman o cartel artístico, 20 corresponden a compañías galegas, 3 proceden de Portugal e 2 de Euskadi. As compañías e propostas galegas son Teatro Galileo con Náufragos, Teatro do Noroeste con Extrarradios, Matarile Teatro con Animales artificiales, Galitoon Productions con Babiliglub, PT Excéntricas con No coment, Berrobambán con Boas noites, Artello Teatro alla scala 1:5 con Polgariño, Voadora con PeriFeria, Talía Teatro con E ti, quen vés sendo?, Teatro do Atlántico con Unha primavera para Aldara, Títeres Cachirulo con Típico tópico, Os Monicreques de Kukas con 7 contos capitais, BStudio Danza con Sono silente, Sarabela Teatro con Dáme veleno, Lagarta Lagarta con Aeroplanos; CaChuzo Teatro con Game Over, Nova Galega de Danza con Tradicción, Katarsis Educación-Teatro con Pacama, Teatro do Morcego con O club da calceta e Teatro de Ningures con Bailadela da morte ditosa.

De Portugal chegan Companhia do Chapito con Drákula, Peripecia Teatro con Novecientos. O pianista do océano e Trigo Limpo Teatro Acert con Andar nas nuvens; en tanto que desde Euskadi desprazaranse Marie de Jongh con ¿Por qué lloras, Marie? e Kukai-Tanttaka con Hnuy illa.

A selección realizouse a través de dúas vías: unha primeira en función dos niveis de distribución na Rede Galega de Teatros e Auditorios; e a segunda, atendendo a criterios de calidade, innovación e actualidade avaliados por unha comisión de selección artística. Os profesionais acreditados terán reservadas as súas localidades para todos os espectáculos que soliciten, en tanto que o resto do aforo dispoñible porase a disposición do público xeral de xeito gratuíto.

O programa de actividades paralelas compleméntase cos showcases de danza que se desenvolverán no adro da ARTeria-Noroeste (sede da SGAE en Compostela) co obxectivo de achegar aos programadores asistentes unha mostra do traballo que realizan diferentes artistas emerxentes da escena coreográfica galega: Alexis Fernández e Caterina Varela, Anuska Alonso, Carlota Pérez e Javier Martín.

ARTeria-Noroeste incorpórase este ano, xunto co Auditorio de Galicia, á listaxe de espazos escénicos da Feira Galega das Artes Escénicas, que completan a Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán e Teatro Principal.

Obxectivo: contratación exterior

O obxectivo prioritario deste encontro profesional é favorecer a contratación de espectáculos galegos para a súa distribución fóra de Galicia durante o ano 2009 a través do seu programa de bonificacións, que este ano contempla descontos do 40 por cento para teatros e auditorios públicos ou privados non galegos, e entidades organizadoras de festivais, certames ou feiras; e do 30% para xestoras de redes públicas. Esta porcentaxe increméntase nun 10 por cento no caso de que as solicitantes sexan entidades procedentes de Euscadi, por ser a Comunidade convidada.

As bonificacións, que deben solicitarse durante a celebración desta edición da Feira, aplicaranse ás entidades que conten con representación entre os asistentes ao evento. Establécese, ademais, un mínimo de contratación de 2 espectáculos ou 2 funcións para os teatros, auditorios, festivais, certames e feiras; e de 6 funcións para as redes de distribución. A formalización dos contratos pode seguir realizándose unha vez rematada a Feira, até o 31 de outubro como data tope.

Documentación
Ligazóns