[07/10/2008] Lagarta Lagarta ofrece esta semana no Salón Teatro de Santiago catro funcións (os días 9, 10 e 11 ás 20.30 horas e o domingo 12, ás 18.00) da súa última produción Aeroplanos , unha comedia orixinal do autor arxentino Carlos Gorostiza, na que a compañía galega reflexiona sobre as relacións humanas e que supón o debut como directora escénica da coñecida actriz Rosa Álvarez.
A programación de Aeroplanos no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) supón a continuidade do apoio á exhibición das últimas producións das principias compañías que traballan actualmente en Galicia, ás que desde esta nova temporada 2008-2009 se proporcionan catro días continuados de funcións co obxectivo dunha maior estabilidade á súa distribución.
Estreada no pasado mes de xullo durante a XXV Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas (Pontevedra), Aeroplanos está interpretada por dous dos actores de maior e mellor traxectoria do teatro e o audiovisual galego: Ernesto Chao e Xosé M. Olveira "Pico". Xuntos conforman un tándem de dous amigos da infancia - Cristo e Paco -, que quedan viúvos case ao mesmo tempo. A partir dese momento a súa amizade vese reforzada, chegando a ser imprescindible o un para o outro. As pelexas, o amor, a lealdade, a xenerosidade, a risa e as bágoas forman parte desta relación que consegue momentos hilarantes pero tamén cheos de gran tenrura e emoción.
Comedia «de alivios»
Esta comedia de texto, de intriga, idealista, enxeñosa e de linguaxe sutil é, segundo a directora Rosa Ávarez, «unha viaxe da vida, dun instante, dun segundo. Unha viaxe onde o tempo, medible por un reloxo, non ten ningunha importancia, unha viaxe que ten un minuto, nada máis, pero este minuto... dentro... teno todo». Álvarez destaca ademais que «sabemos que rir é unha defensa contra a anguria e, de maneira moi xeral, a comedia é o lugar de todos os alivios posibles».
Aeroplanos é un texto do arxentino Carlos Gorostiza, autor que recibiu numerosas distincións entre as que cómpre destacar o primeiro Premio Nacional de Teatro Arxentino, o Premio Planeta de Narrativa ou a Distinción da orde "Commandeur de L'Orde des Arts et des Letters" do Goberno de Francia. Nesta obra, Avelino González é o responsable da tradución ao galego; a súa vez, Eduardo Alonso encárgase da iluminación, mentres que Rubén García, do espazo sonoro. O equipo ERRO asina a escenografía e o vestiario.
Traxectoria profesional
Lagarta Lagarta é unha empresa de produción teatral nacida en 2001 que xorde da iniciativa de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dous actores de longa traxectoria profesional en Galicia.
Segundo eles mesmos argumentan, Lagarta Lagarta é unha compañía de actores fundada co espírito de facer aqueles espectáculos e proxectos aos que moitos actores esperan e desexan enfrontarse, pero que por diversas circunstancias non se puideron levar a cabo no seu momento. É, polo tanto, unha compañía que pretende estar aberta a todas aquelas propostas interesantes que poidan xurdir. Este é un dos motivos polos que Lagarta Lagarta non conta cun cadro de persoal fixo de profesionais (directores, actores, deseñadores, etc.), senón que en cada caso, en cada produción, se buscan os máis idóneos. Cartas de amor , Fobias , Carambola e As últimas lúas conforman as súas últimas producións.
As entradas para as representacións de Aeroplanos poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado, cun desconto do 40% para menores de 12 anos, estudantes, usuarios de carné xove e maiores de 65 anos, e de 5 euros para o domingo, día do espectador. Igualmente, está a disposición do público o Bono de Outono, válido para adquirir catro localidades para asistir a outras tantas funcións (a produción do CDG A boa persoa de Sezuán, máis outros tres espectáculos a escoller) por un prezo total de 20 euros. O bono implica un aforro do 50% sobre o prezo xeral e pódese adquirir unicamente na billeteira do Salón Teatro.