Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NO DADO DADÁ JAZZ CLUB DE COMPOSTELA ÁS 22:30

O Cuarteto Roberto Somoza ofrece un concerto de jazz no marco do V Festival de Contrabaixo 'Ludwig Streicher'

[04/07/2006] O Cuarteto Roberto Somoza protagonizará mañá o primeiro dos concertos incluídos no programa de actividades paralelas do V Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher", que se desenvolve dende onte e até o vindeiro día 10 na EAEM, en Santiago de Compostela.

O Dado-Dadá Jazz Club será o escenario desta actuación, que dará comezo ás 22:30 e na que soará un repertorio de jazz orixinal do cuarteto integrado por Alfonso Morán, contrabaixo co-principal da Real Filharmonía de Galicia e profesor de jazz neste encontro, Roberto Somoza (saxos), Manolo Gutiérrez (piano) e Carlos Bastón (batería).

Dentro deste cartel paralelo, o Festival de Contrabaixo será o marco doutros tres concertos a cargo do Dúo Cordófonos (venres 7, ás 19:00) e dos alumnos que están a asistir as sesións lectivas (días 9 e 10, ás 18:30), acompañados polos pianistas Lorenzo de los Santos e Ángel Gago. Abertas ao público xeral e de entrada libre, estas actuacións celebraranse no auditorio da EAEM.

Conferencias

Este mesmo espazo está a acoller tamén o programa de conferencias, que continuará o día 6, ás 13:00, cun relatorio sobre a construción de arcos no século XXI a cargo dos luthiers Bernd e Michael Dölling, prestixiosos arqueteiros e herdeiros dunha tradición familiar que se remonta ao ano 1898. Ademais, os profesores Xosé Crisanto Gándara e María Jesús Navalpotro falarán sobre o legado musical do contrabaixista catalán Antoni Torelló, quen desenvolveu boa parte da súa carreira musical en Estados Unidos, o día 7, ás 17:00. Por último, o mestre Ferrán Sala –quen encabeza o profesorado do
festival– ofrecerá unha charla sobre técnicas de estudo para enfrontar as obras o sábado 8, ás 16:00.

Un total de 26 alumnos participa nesta quinta edición, que organiza a EAEM en colaboración coa AIE, e que presenta como novidade no seu programa lectivo as sesión maxistrais que impartirá durante a fin de semana o intérprete austríaco Wolfgang Harrer, ex contrabaixista da Orquestra Sinfónica da Radio de Viena e da Orquestra de Cámara da Ópera vienesa e, na actualidade, profesor na Academia de Música de Saarbruecken (Alemaña).