Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ASISTEN COMO ALUMNOS 20 PROFESIONAIS DA DANZA E MOITOS MÁIS AGARDAN PRAZA

O bailarín David Zambrano imparte un taller sobre técnica "Flying low" no CCG

[06/10/2008] Un total de 20 alumnos asisten desde hoxe e até o próximo 17 de outubro o curso que o recoñecido bailarín e coreógrafo David Zambrano imparte sobre a técnica ‘Flying Low’ nos locais do Centro Coreográfico Galego na Coruña. O taller forma parte do programa formativo dirixido a profesionais da danza e outras artes do movemento, así como a estudantes de nivel medio-alto. O taller, que se basea na relación do bailarín co chan, suscitou un gran interese entre os bailaríns galegos, e moitos deles pasaron a integrar unha listaxe de espera despois de se cubrir todas as prazas ofertadas.

A técnica ‘Flying low’, inventada polo propio Zambrano e con adeptos en todo o mundo, céntrase na relación do bailarín co peso, coa terra e a súa superficie. O coreógrafo utiliza patróns de movemento para exercitar a respiración, a velocidade e a liberación de enerxía. A través de distintos exerciciós os alumnos conseguen activar a relación entre o centro e as articulacións. Aprenden tamén a conectar co seu medio e a ser máis espontáneos á hora de elixir improvisacións ou bailar pezas alleas.

O programa formativo do Centro Coreográfico Galego iniciouse o 8 de setembro en Santiago cun curso de produción dirixido por Monserrat Prat. En total son oito os cursos, destinados tanto ao público xeral como aos profesionais da danza e outras artes do movemento, que se realizarán de setembro de 2008 a abril de 2009 en Santiago e na Coruña.

Mestre en 40 países

David Zambrano leva máis de 20 anos adicándose á danza. Como creador e educador visitou máis de 40 países e traballou con máis de 25.000 estudantes. É fundamentalmente coñecido polas súas dotes de bailarín improvisador e por ter desenvolvido os principios da técnica ‘Flying low’. O seu traballo coreográfico combina improvisación estruturada e improvisación pura, cunha técnica moi persoal. Nado en Venezuela, Zambrano viviu 15 anos en Nova York e na actualidade vive en Amsterdam onde continúa traballando como bailarín e docente. Impartiu clase nos centros de danza máis recoñecidos do mundo, como Movement Research (Nova York), American Dance Festival, PARTS (Bélxica), Impulstanz Festival (Austria), etc. É tamén o fundador do Festival de Danza Postmoderna de Venezuela.